Detidas dúas persoas por provocar 17 incendios forestais en Vilalba
A investigación policial identificou patróns comúns nos incendios, todos de noite e preto das vivendas dos arrestados
No que vai de ano xa foron detidas ou investigadas 23 persoas en Galicia por incendios

Axentes do Grupo de Investigación de Incendios da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia en Lugo e da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) da Consellería do Medio Rural esclareceron 17 incendios forestais provocados este verán nas parroquias de Goiriz e Lanzós, no concello lugués de Vilalba.
A operación, denominada Lapa, rematou coa identificación e detención dos dous presuntos autores.
Segundo informou a Xunta, os incendios tiñan “patróns comúns”: producíanse entre as 23:00 e as 03:00 horas, nos bordos das pistas forestais, afectaban sobre todo a zonas arboradas e non presentaban restos de material acelerante nin medios de ignición. A reiteración dos feitos e a proximidade ao domicilio dos detidos indicaban unha “clara intención” de xerar alarma social.
A Xunta lembrou que no que vai de ano a Unidade de Policía Adscrita leva 23 persoas detidas ou investigadas como presuntas autoras de incendios forestais en Galicia.