Cinco persoas seguen ingresadas no hospital de Burela polo atropelo no recinto feiral
A investigación non descarta que o octoxenario puidese ter algún problema de saúde e perder o control do coche

As festas de Burela do pasado venres cubríronse de loito tras o atropelo de oito persoas e a morte dunha veciña da localidade focense de Nois, que non puido recuperarse das feridas. Cinco feridos seguen ingresados no hospital burelense, todos estables. O condutor, que deu negativo nas probas de alcoholemia e drogas, foi tamén evacuado ao centro hospitalario, onde foi dado de alta esa mesma noite.
O suceso ocorreu á primeira hora da tarde, cando un grupo de monitores e usuarios da Fundación Eu Son, centrada na atención de persoas con discapacidade, foi atropelado por un vehículo particular no campo da festa, xunto aos autos de choque. Segundo indicaron os medios desprazados ó momento, o atropelo produciuse despois de que o octoxenario que conducía un turismo golpease unha estrutura e se desviase, por mor do impacto, á zona na que se atopaban estas persoas.
A Policía Local de Burela, en colaboración coa Garda Civil, fíxose cargo da instrución do atestado. Segundo informaron a Europa Press, a investigación do sucedido segue en marcha, condicionada polo desenvolvemento das festas, a evolución dos feridos e que o home non foi detido. A investigación non descarta que o octoxenario puidese ter algún problema de saúde e perder o control do coche.
O suceso causou unha gran conmoción en Burela, onde se reuniu o equipo de goberno e a comisión de festas, que acordaron non suspender as mesmas, aínda que non faltaron as mostras de agarimo e recordo durante o programa festivo desenvolto a fin de semana, tanto coa falecida e o colectivo afectado, moi querido na zona polo seu gran labor social.
