Catro detidos por roubar en casas de Ourense, Pontevedra, Valladolid e Madrid
Os arrestados residían en Barcelona e desprazábanse a outras cidades para roubar dende decembro de 2024
Gardaban o material subtraído nunha zona boscosa do barrio de Bellvitge, no municipio de L'Hospitalet de Llobregat
Os Mossos d'Esquadra, en colaboración coa Garda Civil, desartellaron un grupo especializado no roubo con forza en vivendas tras deter os seus catro integrantes.
Atribúenlles a entrada en cinco casas de Ourense, Pontevedra, Valladolid e Madrid e investigan a súa relación cunha ducia de furtos máis. Os arrestos, segundo informa a policía catalá, practicáronse o día 28.
Son catro homes, de entre 35 e 46 anos, que residían en Barcelona e desprazábanse a outras cidades para roubar desde decembro de 2024. O botín conseguido ocultábano nunha zona boscosa do barrio de Bellvitge, no municipio de L'Hospitalet de Llobregat.
A investigación conxunta dos Mossos e da Garda Civil comezou no mes de marzo, cando se identificou parte dos membros do grupo. Os detidos utilizaban un modus operandi moi calculado e sempre con accións fóra de Cataluña.
Ocultos en bosques
Marchaban entre tres e cinco días antes de cometer o roubo, tempo no que se ocultaban e durmían en bosques próximos ás vivendas baleiras nas que tiñan previsto entrar. Entraban usando a forza e escalando.
Ao lugar do roubo chegaban en coches con matrículas dobradas, para dificultar a súa localización. Unha vez cometido o golpe, volvían ocultarse no bosque ata que os axentes acababan o seu operativo na casa na que roubaran.

Agocho en Bellvitge
Cando regresaban a Barcelona, gardaban os obxectos roubados nun agocho situado nunha zona boscosa do barrio de Bellvitge para non deixar evidencias nos seus domicilios e distribuír máis facilmente o subtraído.
En dúas entradas practicadas pola Policía na cidade de Barcelona, os axentes interviñeron 5.000 euros en metálico, xoias e reloxos. No agocho de Bellvitge recuperaron algúns obxectos roubados.
O líder do grupo, explican os Mossos, tiña antecedentes penais por delitos contra o patrimonio.
