As tres universidades galegas sitúanse entre as mil mellores de todo o mundo
A Universidade de Santiago sitúase no posto 500, mentres que a Universidade de Vigo no 811 e a Universidade da Coruña no 985

As tres universidades galegas situáronse na lista das mil mellores de todo o mundo, con Santiago no posto 500, mentres que a Univerdade de Vigo sitúase no 811 e a Universidade da Coruña, no 985.
Así se desprende da clasificación Center for World University (CWUR) publicada, que outorga á USC 74,4 puntos sobre 100, posicionándoa no posto número 12 a nivel nacional e no 192 no ámbito europeo.
A Universidade de Vigo consolidouse entre o 3,8% das mellores universidades do mundo, ocupando o posto 811 a nivel global e o 309 no apartado europeo.
En concreto, o centro olívico ascendeu ata os 71,8 puntos, pasando de estar no top 4% en 2023, ao 3,9% en 2024 e agora no 3,8% das mellores do mundo. Así, ocupa o posto 811 entre as 21.462 institucións académicas de todo o mundo analizadas para formar parte desta lista global.
En canto á clasificación nacional, mantense no posto 27. Pola súa banda, a UDC é a 34 mellor universidade de España e a número 985 a nivel global. Ademais, ocupa o posto 366 en Europa con 70,7 puntos sobre 100.