A Garda Civil desmantela unha rede que roubou 1.400 quilos de cable telefónico en Oroso
A Garda Civil detén tres homes como presuntos autores dun delito de roubo con forza e recupera máis de 1400 kg de cable telefónico de cobre
19 detidos noutra operación para desmantelar unha organización que roubaba cable de cobre por toda España
A Garda Civil detivo tres homes como presuntos autores dun delito de roubo con forza e recuperou 1.410 quilogramos de cable telefónico de cobre subtraído no municipio de Oroso.
O ladrido incesante dos cans en plena noite advertiu os veciños de Deixebre da presenza sospeitosa de tres individuos. Tiñan unha serra, axexaban preto dos postes da telefonía e fuxiron ao seren sorprendidos.
"Os veciños nos avisaron e fumos inspeccionar a zona, detectamos un importante apilamento de cable serrado e a liña cortada", explica un axente do equipo ROCA de Santiago.
Os ladróns deixaran uns 2.000 metros de cable apilado en dous feixes entre a vexetación. Ao día seguinte, cando regresaron para cargalo, o equipo Roca da Garda Civil gravounos en plena acción e detívoos á altura de Sigüeiro. Levaban os coches aos topes, mesmo manipularan a suspensión dun deles para non levantar sospeitas.
"Recuperamos 1400 quilos de cable, é unha cantidade moi importante. Levábana en dous vehiculos, un turismo e unha furgoneta que na suspensión tiña uns tacos de madeira para que o coche non circulara tan baixo polo peso e non levantar sospeitas nun control", engade o axente.
Os cables de telefonía fixa están actualmente en desuso, polo que os veciños non notaron cortes no servizo. De feito é unha circunstancia que aproveitan os ladróns para obter cobre sen que se note.
"É un tipo de delincuencia moi habitual agora mesmo neste tipo de bandas, o cobre é material moi valorado, acada prezos altos, cotiza á alta", conclúe o Garda Civil.
Os tres varóns detidos pasaron a disposición xudicial e a investigación continúa aberta, por se este roubo tivera relación con outros similares na zona.
A intervención tivo lugar na parroquia de Deixebre, no termo municipal de Oroso, tras unha investigación iniciada o pasado 29 de maio, por mor de manifestacións verbais de varios veciños do lugar de Vilar de Abaixo, quen alertou da presenza sospeitosa de tres individuos asexando xunto a unha liña de tendido telefónico rural.

Ante estes feitos, o Equipo ROCA activou un dispositivo de vixilancia e seguimento, que permitiu confirmar a actividade delituosa durante a madrugada do 30 de maio, cando tres individuos foron sorprendidos manipulando o cable subtraído nunha actuación claramente coordinada.
Ao decatarse da proximidade de medios de seguridade, emprenderon a fuxida a pé, dirixíndose cara a dous vehículos que lles esperaban nas inmediacións.
Un operativo despregado no centro urbano de Sigüeiro permitiu interceptar ambos os vehículos, procedendo á detención in situ dos tres ocupantes, cuxas características físicas e vestimenta coincidían plenamente coas gravacións obtidas.
Desmantelada outra organización que roubou oito toneladas en varias provincias
A Garda Civil desarticulado unha organización criminal dedicada ao roubo de cable de cobre por distintos puntos de España nunha operación na que foron detidas 19 persoas e investigadas outras 23 por supostos delitos contra o patrimonio por roubos con forza e receptación, así como delitos contra o medio ambiente.
Segundo informou este mércores a Dirección Xeral da Garda Civil, grazas a esta operación esclarecéronse máis dunha trintena de roubos de cobre cometidos nas provincias Xaén, Valladolid, A Coruña, Zamora, Ávila, Segovia, Zaragoza, Soria e León e recuperáronse multitude de ferramentas e máis de 8 toneladas do cobre subtraído.
A investigación comezou en febreiro de forma coordinada por axentes de Equipos ROCA das Comandancias da Garda Civil de Xaén e Valladolid, tras localizar unha gran vertedura de fundas de cableado de cobre nunha paraxe situada en Úbeda (Xaén).

Ao mesmo tempo interceptáronse varios vehículos, dous nas proximidades de Valladolid e un terceiro en Úbeda, cargados con 5.000 quilos de cableado de cobre subtraído, utilizando vehículos lanzadeira para alertar dos posibles controis policiais. Como consecuencia, cinco persoas foron detidas.
A investigación revelou que detrás destes feitos existía unha organización criminal, asentada na provincia de Córdoba, perfectamente estruturada e especializada no roubo de cableado de cobre, que se desprazaba por todo o territorio nacional.
A organización alugaba furgonetas en Córdoba, que usaban para desprazarse ata outras provincias, onde recollían o material roubado. Chegaban a percorrer máis de 1.000 quilómetros diarios.