Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen 15 persoas na operación antidroga de Covadonga, en Ourense

Deteñen 15 persoas na operación antidroga de Covadonga, en Ourense

O operativo mobilizou máis de 150 axentes e contou coa axuda dun helicóptero, drons e cans para os rexistros

Comisaron 5 quilos de drogas e atoparon indicios de que os detidos se desfixeran de parte das substancias

G24.gal 05/06/2025 15:22

Quince persoas detidas e máis de 5 quilos de droga comisados é o balance da operación Copernicano, desenvolvida este mércores no barrio ourensán de Covadonga. 

Unha decena de vivendas do barrio ourensán de Covadonga, nas que presuntamente se vendía droga, quedaron precintadas. Máis de 150 policías con helicóptero, drons e cans fixeron os rexistros.

Os axentes requisaron tres quilos de heroína, un de cocaína, outro de mestura de ambas as dúas substancias e 400 gramos de haxix, ademais de 16 mil euros. Detiveron quince persoas. Presuntamente dedicábanse a distribuír estupefacientes a pequena e mediana escala e outros a custodialos.

"É unha operación que desartella parte do principal punto de venda de droga en Ourense. Foron 5 quilos de sustancia estupefaciente comisada e polo menos outros 5 que non se puideron comisar pola infraestrutura desta xente. Son auténticos profesionais do narcotráfico, que tiñan unha infraestrutura montada nos narcopisos para poder queimar as substancias estupefacientes, para desfacerse delas antes da entrada dos axentes", confirma Roberto González do Sindicato Unificado da Policía.

A operación Copernicano lévase a cabo tras as queixas de veciños dos barrios da Ponte e do Vinteún, que denuncian o aumento de roubos e delincuencia vencellados, presuntamente, a persoas drogodependentes. 

"Creo que a esta xente máis ben había que axudalos doutra maneira. Buscarlles un centro en que darlles unha ocupación e onde estean algo atendidos", comenta un veciño.

"Non os poden soltar, debían pagar. Cóllenos por un lado e sóltanos polo outro", di unha comerciante.

"Desde que puxeron aquí a estación de autobuses veñen todos aquí. Claro, como teñen punto de venda arriba...", afirma outra veciña.

Dende a Policía Nacional din que estas redadas levaban xa moito tempo xestándose.

"É unha operación moi delicada, moi complexa e que está dando moi bos resultados. É un paso rotundo, potente e pensamos que ten un efecto disuasorio. É un paso máis para dar outros posteriores coa información que estamos reunindo", confirmou Eladio Santos, Subdelegado do Goberno en Ourense.

A operación segue aberta. Está previsto que as quince persoas detidas no barrio de Covadonga pasen este venres ou o sábado a disposición xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade