Os anxos anónimos que salvaron vidas en Adamuz
Os veciños foron os primeiros en auxiliar os pasaxeiros dos trens accidentados
O quad dun veciños de Adamuz salvou moitas vidas. O seu propietario, traballador da ONCE, non dubidou en collelo para achegarse ao lugar do accidente ao ver que o acceso era moi complicado. Cóntao el mesmo: "Visto que alí non se podía entrar con coche, caín e díxenlle á Garda Civil que tiña un quad na casa cun gancho potente, podemos salvar máis xente. Fun por el e estiven portando feridos coa padiola, subindo como se podía. Houbo un momento que iamos na moto seis".
O alcalde foi dos primeiros en chegar e decatarse da dimensión da traxedia. Rafel Moreno relata que "estando alí, axudando no Iryo dinnos os mesmos pasaxeiros que bateran con outro tren que estaba mais aló. O policía local mais eu imos na procura dese tren, coas lanternas, estaba case a un quilómetro, e a imaxe foi dantesca, algo terrorífico".
En Adamuz os veciños non tardaron en coordinarse polos grupos de WhatsApp. "Todo o mundo que podía estaba aquí para botar unha man no que se precisara, para axudar, acompañar as diferentes casetas en que se estableceran puntos de reunión da xente", conta un veciño, e outra salienta como todos axudaron dende o primeiro momento: "Como se tivésemos que levar xente ás nosas casas, mesmo vin xente movendo colchóns a outra caseta, auga, bocadillos, mantas, tensiómetros, a xente trouxo de todo...".
Outra veciña resume o que todos os veciños de Adamuz pensan: "A solidariedade da xente foi incrible, a sensación era de impotencia, ganas de chorar, e satisfacción de ver como o pobo se entregou do xeito que se entregou".