Acaba encaixado no muro dunha vivenda en Gondomar
O condutor da furgoneta tivo que ser trasladado ao hospital
Os propietarios da vivenda de turismo rural espertaron co impacto
Aparatoso accidente a primeiras horas desta mañá en Gondomar. Un coche saíu da vía e acabou impactando contra o muro dunha casa de turismo rural. Os seus ocupantes espertaron co impacto minutos despois das sete da mañá.
A furgoneta quedou practicamente desfeita. Antes de parar a traxectoria, subiu á beirarrúa, chocou contra a fachada primeiro e acabou impactando co muro, anexo á casa. O golpe foi tan forte que desprazou algunhas pedras que caeron ao camiño. Por sorte era cedo e non había ninguén circulando nin pasando pola zona que agora está precintada.
O condutor do vehículo sinistrado é un home, saíu polo seu propio pé pero tivo que ser trasladado en ambulancia ao hospital.
Foi na estrada PO-340, que une Gondomar e Tui, á altura do quilómetro 16. Neste lugar de Bande xa non é a primeira vez que un coche acaba encaixado nunha casa polo que os veciños levan tempo pedindo medidas para que reduza a velocidade.
A policía local de Gondomar instrúe as dilixencias do accidente.