Publicador de contidos

Publicador de contidos

Confían no GPS e quedan atrapadas nunhas escaleiras en pleno centro de Pontevedra

Confían no GPS e quedan atrapadas nunhas escaleiras en pleno centro de Pontevedra

Veciños e comerciantes da zona din que non é a primeira vez que ocorre, e piden medidas para evitar novos sucesos

G24.gal 16/01/2026 15:30

Novo incidente en que un GPS leva un vehículo por mal camiño. Neste caso, non foi un camión atrancado nunha aldea ou nunha pista forestal, senón en pleno centro urbano de Pontevedra, concretamente nuns chanzos da praza de Ourense.

 Ocorreu cando as ocupantes, dúas mulleres estranxeiras, se viron sorprendidas polas escaleiras cando seguían as instrucións do navegador, que lles indicaba que podían continuar avanzando. Finalmente o turismo foi extraído sen maiores problemas por un guindastre e pola Policía Local, aínda que veciños e hostaleiros da zona indican que incidentes coma este se converteron nunha incidencia común.

"Cando vin pasar o coche dixen, agardo que pare, pero non parou, quedou atrancado. Eran dúas rapazas e nada, quedaron aí atascadiñas as pobres", conta unha testemuña

"Ao final é sempre a mesma historia, coches que veñen de... xente de fóra normalmente. E collen, meten o GPS e indícalles saír por aquí, porque a outra opción e saír pola parte da Peregrina e como hai moita xente, pois collen a opción esta e... chegan aquí e cando se dan conta xa están enriba da escaleira", explican.

Segundo empregados dos locais da praza, o descoñecemento da cidade é a principal causa desta sorte de incidentes, pois os veciños de Pontevedra saben da presenza das escaleiras.

Iso si, sinalan que non é o único motivo, pois a visibilidade da vía de acceso é limitada, especialmente con condicións meteorolóxicas adversas. É por iso que consideran a instalación de sinalización como unha posible solución.

"Normalmente é xente de fóra, non é de aquí. Veñen a apartamentos turísticos, mais ou menos, e quedan coas indicacións do GPS que levan por aí. A xente de aquí sabe que isto é zona peonil, que só é para xente de aquí ou para servizos", contan.

"Hai farois e demais, podían poñer aí un sinal porque non lle molesta a ninguén e creo que faría bastante ben". "Ao mellor un sinal aí onde diga que esta estrada non ten saída, ou un par de pivotes pa que xa chegues, mires os pivotes e xa non tal... Sería un pouquiño a solución", opinan.

Con todo, ao tratarse dunha zona peonil, os vehículos adoitan chegar circulando amodo, polo que, por fortuna, os incidentes apenas causaron danos materiais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade