Mafias albanesas, á fronte das redes de narcotráfico que introducen droga en Galicia
As organizacións traen cargamentos máis grandes, de aí os grandes alixos do ano pasado
Calcúlase que cada semana entra un alixo nas costas galegas
Coma nunha partida de xadrez, na loita contra os narcos móvese ficha segundo xogue o contrario. E en Galicia, o taboleiro cambiou xa hai anos.
"Están entrando outras mafias e grupos pero seguen confiando no autóctono galego porque teñen todo moi ben estruturado", sinala José María Abreu, inspector xefe da Udyco I de Pontevedra. "As organizacións galegas xa se especializaron nas descargas, no transporte".
Agora quen marca as regras son as mafias albanesas, son os empresarios, os que poñen os cartos. Nas últimas horas, caía un grupo en Vigo, outro máis. É xente que xoga duro.
"Están agora mesmo en toda España. De feito, veuse este ano nunha descarga en Vilanova de Arousa, dunha tonelada de cocaína, coa detención de nove albaneses", explica Antón Esteban Sicre, xefe do EDOE de Pontevedra.
"Transportan dunha maneira moito máis grande, moita máis cantidade, porque contan cunhas perdas pero se mandas 100 e só perdes 20 ou 30, as ganancias seguen sendo amplas", argumenta Abreu.
Dos grandes cargamentos, os grandes alixos do 2025: 3.600 quilos da Pobra, 4.000 aos poucos meses nun barco que viña cara a Vigo. Cifras que antes non se vían e que chegan por mar. A través de portos -de feito, o de Vigo ocupa o cuarto posto en entradas de droga- ou por debaixo da auga.
"A detección de semisomerxibles si que é máis complicada. Ademais, transportan moita substancia estupefaciente e resulta complicado. Por iso, precisamos a colaboración internacional con outras unidades para que nos marquen os vehículos en orixe", recoñece Sicre.
Calcúlase que nas costas galegas entra un alixo á semana, porque en América do Sur hai sobre sobrestock. Nótase nos prezos e tamén no tráfico de drogas que se move polo miúdo.
"O prezo descende moito e entón hai moita máis xente con acceso a comprar un quilo ou medio e iso repercute en que os narcopisos e o tráfico medio se dispara", explica o inspector xefe da Udyco I.
Golpes ás veces menos mediáticos, pero que deixan tocadas as organizacións.
"O principal traballo non é só coller droga senón desartellar organizacións", conclúe o compañeiro e xefe da Udyco II.
Son David conta Goliat, pola internacionalización do mercado, polo avance nas tecnoloxías e polo lastre do propio sistema. Dende todos os ámbitos da loita contra o narcotráfico, clámase por unha reforma legal que axilice os procedementos.