Aprazan por cuarta vez o xuízo polas narcolanchas de Vigo
Un dos 11 acusados alegou indisposición para non comparecer nos xulgados
O Tribunal fixou o comezo da vista oral para o mes de abril
A Fiscalía solicita penas de ata 9 anos para cada un deles e multas que suman 80 millóns de euros
Estaban citados 15 gardas civís para esta primeira xornada, pero finalmente non puido comezar a vista oral. Un dos acusados alegou estar indisposto e non ter medios telemáticos para conectarse dende Barcelona e poder seguir o xuízo.
Só nesta semana xa se suspendeu noutras dúas ocasións. Por enfermidade dun dos avogados e por non poder chegar a tempo. Pero é que xa no mes de novembro houbera outro aprazamento por cambio nunha das defensas.
Tentan xulgar unha rede desartellada pola EDOA da Garda Civil durante a operación Endurance. 11 acusados que supostamente fabricaban embarcacións deseñadas para o contrabando e o narcotráfico en naves de Vigo e do norte de Portugal. A fiscalía pide para eles penas de ata 9 anos de cárcere e multas que suman en total mais de 80 millóns de euros.
O Tribunal fixou unha nova data para tentar desenvolver o xuízo, na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra con sede en Vigo. Sería entre o 9 e o 17 de abril, malia que xa houbo avogados que anunciaron que alegarán por non poder asistir neses días ao xulgado.