A autopsia confirma que a muller e a filla asasinadas en Xilxes morreron case dous días antes
O exmarido e pai está detido, pendente de pasar a disposición xudicial o venres
A investigación segue a procura de probas contra el porque nega a súa implicación
En Madrid investigan o asasinato doutra muller de 37 anos tamén incluída no rexistro VioGén
A policía segue investigando as circunstancias dos brutais asasinatos de Xilxes. As autopsias da nai e a filla evidencian que morreron entre 36 e 48 horas antes de que este martes saltara a noticia do crime.
O exmarido e pai das vítimas continúa detido á espera de pasar a disposición xudicial este venres como presunto autor das mortes, malia que desde o primeiro momento negou a súa implicación.
A revisión das cámaras da zona non probaron de momento que se achegara á casa, pero hai outras probas que desmontan a súa versión, coma o feito de que o can das vítimas aparecese abandonado o luns en Valencia, onde el vive.
En Madrid tamén continúa aberta a investigación para confirmar outro crime machista. Neste caso, unha muller de orixe paraguaia de 37 anos que tamén estaba rexistrada no sistema VioGén.
A súa exparella, un home de 34 anos da mesma nacionalidade, tiña unha orde de afastamento. Pero na tarde deste mércores el quebrantou a norma e acabou esganándoa na súa casa do barrio madrileño de Tetuán. Logo, parou unha patrulla policial na rúa e confesou o crime. A muller era nai de dous pequenos, fillos doutra parella.