Deteñen dúas persoas ao tentar introducir 80 quilos de cocaína a través do porto de Vigo
A droga chegou oculta no sistema de refrixeración dun contedor procedente de Ecuador
Os dous arrestados, de nacionalidade albanesa, foron prendidos cando trataban de recuperar a droga no propio porto
Dúas persoas foron detidas en Vigo cando pretendían acceder ao porto para recuperar 80 quilos de cocaína que ían ocultos no sistema de refrixeración dun contedor procedente de Ecuador.
Funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e axentes da Garda Civil desenvolveron esta operación conxunta que comezou tras ser seleccionado o contedor para a súa inspección pola Unidade de Análise de Risco da Aduana de Vigo e detectar a cocaína.
Segundo informan ambos os corpos, a investigación deste achado de droga conduciu á identificación dunha organización criminal composta por individuos de nacionalidade albanesa cuxo propósito era o rescate da droga oculta no interior do contedor situado dentro do recinto portuario.
Os dous detidos, cidadáns albaneses, tentaron recuperar a cocaína este domingo pasado e foron inmediatamente detectados polas unidades investigadoras que os detiveron cando tentaban acceder ao contedor.
No operativo comisaron 61 paquetes de cocaína, así como diferentes ferramentas e útiles para recuperar a droga (catro bolsas de deporte de gran tamaño, unha escada, un trade, bridas, dous teléfonos) e un vehículo.
Xa este luns, e tras unha revisión a fondo do contedor, descubríronse outros nove paquetes de cocaína ocultos entre a maquinaria do sistema de refrixeración do contedor, o que elevou a cifra de droga incautada a máis de 80 quilos de cocaína.
Tanto Vixilancia Aduaneira como a Garda Civil continúan as súas investigacións sobre esta organización criminal de carácter transnacional e non se descartan máis detencións nesta operación que foi coordinada pola titular da Praza 2 da Sección de Instrución do Tribunal de Instancia de Vigo.
A Axencia Tributaria e a Garda Civil sosteñen que o descubrimento e intervención da droga reforza a imaxe do porto de Vigo como unha infraestrutura segura "a pesar dos intentos de diferentes organizacións por introducir importantes cantidades de cocaína oculta" nos contedores que habitualmente chegan a este porto procedentes de América do Sur.
Esta é a segunda aprehensión de cocaína no porto vigués no que vai de ano.