Publicador de contidos

Publicador de contidos

Golpe ao clan dos Roxitos no Grove, que movían todo tipo de droga

Golpe ao clan dos Roxitos no Grove, que movían todo tipo de droga

Na casa, os axentes incautáronse de varias armas e obxectos roubados, entre eles, unha guitarra que xa recuperou o dono

G24.gal 17/02/2026 14:42 Última actualización 17/02/2026 16:46

No Grove, fálase abertamente do "supermercado"... pola entrada e saída de xente... e pola mercadoría, aínda que o que levan na man é cousa deles, din os veciños.
Ese movemento no portal foi o que fixo saltar a lebre.

"Ía consumidor final, drogodependentes, pero si é certo que nos últimos meses, por iso decidimos adiantar a fase de explotación, ía xente que é consumidor esporádico e mesmo xente nova", explica Luís Rial, Brigada comandante do posto da Garda Civil do Grove.

Golpe policial aos Roxitos, un clan, dous irmáns que viviron sempre na vila, coñecidos polo seu amplo historial.

"A persoa que detivemos que en principio cremos que é o artífice, todo a venda da droga, si ten antecedentes policiais por narcotráfico", confirma o xefe do posto da Garda Civil.

Detiveron un dos irmáns e investigan outro home, un amigo por interese, por un negocio no que movían algo de todo.

"Dende cocaína, heroína, haxís, marihuana. Na zona da cociña, na encimeira, tiñan un pequeno laboratorio onde manipulaban e facían as drogas en pequenos envoltorios para vendela", sinala o brigada Luís.

Son xente perigosa e, de feito, na casa tiñan dous machetes, un revólver e unha pistola de aire comprimido e unha guitarra vermella que non era para facer música. Suponse que chegou alí como moeda de troco.

"Os toxicómanos cando non tiñan cartos usaban obxectos, posiblemente sustraídos, a modo de pago. A guitarra sospeitabamos que podía ser un obxecto sustraído e xa localizamos o seu propietario e xa se lle entregou", explica o xefe da investigación.

A operación coincidiu co afundimento no Grove do bateeiro que supostamente ía subministrar un narcosubarino pero non parece que garden relación. A Garda Civil levaba detrás dos Roxitos máis dun ano.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade