Identifican as ladroas do cuarto roubo no barrio lugués de Recatelo grazas á matrícula
Eran mulleres, igual que noutro edificio en que quedaron gravadas na cámara de seguridade
A vítima do roubo desconfiou delas e apuntou a matrícula, antes de saber que lle entraran na casa
Calcularon mal. Entraron nun piso que estaba baleiro, pero o dono non andaba lonxe porque a nai vive na porta de en fronte e cando saíu...
"Viu dúas mozas coa orella pegada á porta do terceiro piso e preguntoulles que facían alí, pero as mulleres botaron a correr. Seguiunas e anotou a matrícula", conta a nai.
Acertou coas sospeitas, porque cando volveu subir comprobou que tiña o piso coas patas para riba, pero o erro de cálculo das ladroas pasoulles factura.
"Chamouno a policía e díxolle que pola matrícula localizaran que familia era e que tiñan antecedentes. Son de etnia xitana", engade a muller.
Repetiron modus operandi, nun roubo limpo que dende fóra nin se aprecia.
"É unha porta acoirazada. Ten catro voltas de chave, pero o meu fillo para vir comer á miña casa pechou sen pasar a chave. Ao parecer, teñen uns artefactos que os meten na pechadura e abren nun segundo", explica a nai.
O que se coñece como o método do bumping. Meten unha chave para facer saltar as pestanas que permiten xirar o cilindro. Fano despois de controlar o edificio, e as rutinas da veciñanza. De feito, había portas marcadas con fíos de silicona.
"Estaban marcadas todas as portas do edificio. Poñen unhas marcas pequenas que a simple vista non se ven", advirte a muller.
É o cuarto roubo en dous meses no barrio de Recatelo. Os anteriores en días laborables, aproveitando que a xente está traballando. Polo menos nun deles tamén foran mulleres. Gravounas unha cámara de seguridade.
Nun dos roubos fixéranse cun bo botín: 15.000 euros, en xoias e cartos, que é o que lles interesa.
Desta vez, levaron algo de efectivo... pouco. Foron por la e saíron rapadas.