Recuperan a Semana Santa dos Ancares tras 40 anos sen procesións
Nos días grandes sairán en Becerreá os pasos do Ecce Homo, da Dolorosa e do Cristo Crucificado
Tras uns 40 anos sen procesións na Semana Santa, pouco a pouco a comarca dos Ancares está a recuperalas. Este novo pulo partiu dos colectivos culturais Zoela, As Candelas e Abrente, que axudaron a crear unha confraría que ensaia en Becerreá con membros procedentes de distintos concellos da bisbarra.
"Empezamos a recuperar as procesións, que levaban uns 40 anos sen facerse, a través dunha confraría 'interparroquial' con xente de toda a comarca. Eu, concretamente, son da parroquia de Torés, nas Nogais", sinala Fe Álvarez, confrade do Cristo dos Ancares de Becerreá.
"A última vez que lembro que houbo procesión debía de ter sete ou oito anos, e teño cincuenta e pico. É dicir, bastantes anos, 40 ben cheos, sen haber procesións, ata 2023, que foi cando retomamos a idea", engade Alberto Alonso, da mesma confraría.
En 2025 xa organizaron as procesións na capital dos Ancares, e nesta Semana Santa van estender os actos ás outras vilas da comarca. Nesta recuperación tivo que ver tamén a chegada a Becerreá dun novo párroco.
"A xente da comarca, ao ver un cura novo, pois parece que ven ganas de traballar e ideas novas. Decidiron propoñerme recuperar as procesións que ata hai 40 anos se facían aquí en Becerreá, sobre todo a do Venres Santo, cando saen polas rúas da vila as imaxes da Dolorosa e do Cristo Crucificado", explica José Río, párroco becerrego.
De cara a edicións vindeiras, queren recuperar tamén o paso do Cristo Resucitado e celebrar as procesións nos distintos concellos dos Ancares.