A confraría das Dores do Grove busca voluntarios para levar os pasos o Venres Santo
Din que precisan trinta persoas máis para que as procesións poidan saír
O Venres Santo saen en procesión coa imaxe da Virxe das Dores e coa do Cristo xacente
Na confraría das Dores do Grove buscan xente para levar os pasos nas procesións do Venres Santo: a imaxe da virxe das Dores e o a do Cristo xacente. Din que necesitan unhas 30 persoas máis para que as procesións poidan sair.
"Este ano vemos que non damos xuntado persoas nin para encher un trono. Eso equivale a ter que facelos máis pequenos, co que perderiamos o esplendor das imaxes, ou á imposibilidade de saír", explica o presidente da confraría das Dores do Grove, Joaquín Agustín Prol.
A situación non é nova. Os dous últimos anos xa tiveran problemas para atopar xente disposta a portar os pasos, aínda que daquela as procesións non puideran saír debido ao mal tempo. Din que calquera persoa que queira colaborar é benvida. O único que teñen que facer é participar nun ensaio o sábado anterior á procesión.
"Eu fago un chamamento á xente, aínda que non sexa por vocación relixiosa, espiritual, si pola vocación de intentar manter unha tradición que se leva facendo na vila durante moitas décadas. Estamos falando dunha vila de máis de 10 mil habitantes , e non xuntar 50 persoas dáme un pouquiño de pena", asegura o secretario da confraría, Juan Campos.
Polo momento, tres persoas xa se puxeron en contacto coa confraría, pero precisan xuntar outras 27 máis para que as procesións poidan saír.