Publicador de contidos

Publicador de contidos

España e catro países alertan de risco de desastre ecolóxico por un incidente dun buque ruso no Mediterráneo

España e catro países alertan de risco de desastre ecolóxico por un incidente dun buque ruso no Mediterráneo

Segundo Reuters, o percance aconteceu a comezos do mes de marzo e actualmente a embarcación atópase á valga e sen tripulación entre Malta e a illa italiana de Lampedusa

Buque Arctic Metagaz, á valga e sen tripulación, entre Malta e Lampedusa (Marina Militare/Reuters) Buque Arctic Metagaz, á valga e sen tripulación, entre Malta e Lampedusa (Marina Militare/Reuters)
G24.gal 18/03/2026 21:33

O presidente do Gobierno español, Pedro Sánchez, e os líderes doutros catro países da UE bañados polo Mediterráneo advertiron este mércores do "risco grave e inminente" dun desastre ecolóxico maior neste mar por un buque de transporte de gas natural licuado (GNL) ruso que tería sufrido un incidente non identificado con explosións e un incendio.

Segundo Reuters, o percance aconteceu a comezos do mes de marzo e actualmente a embarcación atópase á valga e sen tripulación entre Malta e a illa italiana de Lampedusa.

"A condición precaria do buque, combinada coa natureza da súa carga especializada, xera un risco inminente e serio dun desastre ecolóxico maior no corazón do espazo marítimo da UE", sinalan os primeiros ministros de España, Italia, Grecia, Chipre e Malta nunha carta á presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e ao do Consello Europeo, António Costa.

Os cinco líderes dos cinco países que integran o MED5 sinalaron que o barco, que estaría agora en augas internacionais entre Malta e Italia, presenta o "dobre reto" de xestionar o risco marítimo e ambiental que supón e das "restricións operacionais" que conleva o réxime de sancións europeo contra Rusia pola súa invasión de Ucraína.

Na fronte ambiental, os cinco países asinantes piden a Bruxelas que se active o Mecanismo Europeo de Protección Civil para asegurar unha resposta coordinada a nivel comunitario que sexa máis rápida e máis eficiente, con apoio especializado como vixilancia marítima e da contaminación.

Máis aló da dimensión inmediata, os cinco primeiros ministros apuntan a que este buque metanero é parte da frota pantasma rusa, que axuda a Moscova a esquivar as sancións comunitarias os seus recursos naturais, e que esta situación "ilustra como estes buques xeran riscos serios".

"Permitir que estas prácticas sigan tendo lugar non só expón á UE a un dano ecolóxico serio, senón que arrisca socavar a integridade, efectividade e valor disuasivo do réxime de sancións europeo, o cal subliña a necesidade de acción coordinada a nivel europeo", sinalan.

Os cinco países levarán esta cuestión ao cume europeo que se celebra este xoves en Bruxelas e aseguraron que "están listos para actuar sen dilación para asegurar a seguridade no Mediterráneo". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade