Liorta en pleno centro turístico de Santiago: dous indixentes léanse a paus no Toural
Os turistas que estaban na zona interviñeron para separar os dous homes, que foron identificados pola Policía
Foi unha pelexa a plena luz do día e en pleno centro de Santiago, na praza do Toural. Parece que a lea comezou polos cans. Din que un dos homes, que adoita pedir á porta do supermercado, agrediu o can do outro, que arremeteu contra el a paus.
"Comezou a empurralo, a dicirlle que non lle tocase o can, a darlle labazadas e puñazos", conta Carmen, testemuña da liorta. Pegoulle tamén cun pau e, no medio da malleira, o pau caeu ao chan e cambiou de mans.
"Colleuno o outro, levantouno e partiullo na cabeza ao dono do can", relata Carmen. "Este, co cacho de pau que quedou, tentou cravar o outro no pescozo, e aí interviñeron para separalos".
Comerciantes e veciños da contorna do Toural din que están afeitos aos incidentes que provocan estas persoas. Son catro ou cinco, que pasan o día refuxiados nos soportais da praza.
"Sempre hai algunha liorta, pero máis ou menos respectan -di un comerciante-, cando están ben incluso limpan, pero cando están mal xa sabes que non se pode nin falar con eles". Levan meses -ou anos- convivindo con esta situación, pero cren que algo empeorou nos últimos días.
"Non sabemos que pasa, pero levan una semana máis agresivos", di unha veciña. "É entre eles, iso si", engade. "O que pasou esta semana non é habitual -di outro- porque imos a pelexa diaria".
Se montan lea intervén a policía, pero é unha solución momentánea. Contan os veciños que cando chega a policía "cálmanse un pouco", pero en canto marcha a patrulla "continúan coma se nada", unha dinámica que "se repite todos os días".
Din que levan anos nesta situación e que afecta negativamente os negocios da zona.