Dous homes quedan feridos nunha lea con coitelos en Pontevedra
Os dous acabaron no hospital, un con cortes no lombo e o outro con lesións nun ollo e nas pernas
Un dos homes seguiu o outro ata a súa casa, armado con dous coitelos de cociña
Pelexa entre dous veciños no barrio da Seca, en Pontevedra, con coitelos incluídos, que puido acabar en traxedia. Os dous implicados acabaron no hospital, aínda que afortunadamente os dous recibiron a alta e só un deles permanece en comisaría, pendente de dar explicacións.
Nunhas imaxes vese o momento en que un dos homes volve á casa cos dous coitelos cos que agrediu o seu veciño, ao que lle dobra en idade. Un pasa dos 50. O outro roza os vinte.
"Insultou o meu fillo e o meu fillo achegouse e preguntoulle se se estaba metendo con el e xa o atacou co coitelo", conta a nai do máis novo.
E el defendeuse.
"Con que lle deu non o sei. Non o sei porque cando eu saín xa estaba cos dous coitelos", engade.
Deulle un golpe nun ollo. Segundo conta a muller do maior, co pau dunha vasoira que tiñan na porta da casa. Son veciños. Non de porta con porta pero case. Dende unha casa vese a outra. A versión dos feitos cambia segundo quen a conta.
"O meu fillo saíu fumar un cigarro e esta persoa estaba sentada no seu patio, que levaba todo o día bebendo cervexa e fumando, e díxolle: 'Chulo de merda, karateka, voute matar' e o meu fillo preguntoulle se falaba con el", defende a muller.
A muller do outro home, que aínda está na comisaría, di que o mozo lles petou na porta pasadas as cinco da mañá e que cando o home foi abrir, que o outro golpeou primeiro.
Hai quen comenta que golpeou a porta porque levaban horas facendo ruído. O caso é que un acabou con dúas coiteladas leves no lombo e o outro con feridas nun ollo e nas pernas.
O resto de veciños viron pero non queren contar e insisten en defenderse da mala fama da barriada da Seca.
"Esta zona onde vivimos nós é máis tranquilo. Despois hai outras zonas máis apartadas que son máis complicadas e outras cara abaixo que tamén son de máis problemas".
"Aquí houbo un conflito entre dous veciños, que o solucionaron como consideraron. Da maneira correcta? Para min non pero este é un barrio tranquilo. Somos xente humilde".
Contra o rapaz máis novo non pesan de momento cargos. O outro podería enfrontarse a un delito por intento de homicidio.