MeteoGalicia celebra 25 anos de servizo rigoroso e trato humano
160 estacións e 25 traballadores teñen monitorizado todo o territorio para predicir o tempo
A relación entre os galegos e os seus homes e mulleres do tempo é tan estreita que teñen confianza ata para rifarlles se non acertan.
"Eu collín unha chamada dunha persoa que me dixo: mira, merquei non sei cantos quilos de carne para facer o churrasco e non puiden, e agora que fago coa carne? Isto foi real", relatou María Souto, meteoróloga.
Son anécdotas de media vida ligada a MeteoGalicia, desde que hai 25 anos un equipo de mozos acabados de licenciar botaban a andar o proxecto da man de Juan Casares. Hoxe, María quixo lembrar os compañeiros despedidos. Para os do tempo foi un día de emocións.
Explicaron que revisan os modelos cada mañá, uns dedicados ao cálculo numérico e outros á predición e a comunicar a través dos medios. Teñen 160 estacións, atentos ao mar, á calidade do aire, ao risco de incendios. Hoxe son xa toda unha institución.
"MeteoGalicia empezou de cero, sen apenas estacións meteorolóxicas, sen radar, con poucos modelos. A idea foi: por que non facer un prognóstico meteorolóxico desde Galicia e para Galicia, e decidimos ensaiar esta cuestión desde a universidade e isto foi medrando", explicou Xoán Taboada, o director de Meteogalicia.
Predicir o tempo en Galicia non é doado. Precisa matemática e proximidade. Os 25 traballadores que compoñen o servizo son tamén próximos aos cidádans. Hoxe explicaron que a intelixencia artificial é boa axuda, pero que o verdadeiramente disruptivo e moderno é o trato humano.