Publicador de contidos

Publicador de contidos

Instalan no CHUS unha 'escape room' para experimentar a urxencia dos pacientes con inflamatorias intestinais

Instalan no CHUS unha 'escape room' para experimentar a urxencia dos pacientes con inflamatorias intestinais

As asociacións de pacientes piden unha concienciación á altura doutros países que contan con máis servizos

G24.gal 03/06/2025 14:35

Médicos e pacientes asistiron hoxe á apertura dunha sala no vestíbulo do CHUS. Dentro, un xogo sinxelo: unha sopa de letras, pero contra o reloxo, para sentir esa urxencia que acompaña os pacientes de Crohn e colite ulcerosa cando están sufrindo un gromo. 

"Ti tes que programar o teu día a día sabendo en todo momento onde está o baño máis próximo. Se vas a un centro comercial, o primeiro é saber onde está o baño, e así con todo", relata José María Lapido Boullón, presidente de ACCU Galicia.

Moitos acaban por iso retraendo a súa vida social. Tanto que tres de cada dez consideran que esa urxencia é un dos síntomas da enfermidade máis malos de levar. 

"Son doenzas moi incapacitantes porque os síntomas que dan son diarrea, sangrado, fatiga. Pero temos moitos tratamentos biolóxicos que realmente foron un cambio porque lles permite facer unha vida máis normal, con menos visitas ao hospital, menos ausencias no traballo", explica Manuel Barreiro, xefe da Unidade Enfermidade Inflamatoria Intestinal do CHUS.

Son enfermidades das que -non se sabe aínda por que- está medrando a incidencia. Así que as asociacións de pacientes piden unha concienciación á altura doutros países que si contan con máis servizos.

"Con baños públicos nos parques, nas praias, limpos e coidados. E deben estar adaptados para xente que porta bolsa, porque moitos temos que levala, e non temos baños adaptados", di.

A boa nova é que cos novos tratamentos cada vez é menos necesario realizar unha intervención cirúrxica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade