Un coche sen condutor escorregou por unha rúa con forte pendente en Sarria e bateu cun farol
Foi caer sobre unhas escaleiras, e por fortuna non quedou ninguén ferido
A condutora do vehículo, unha repartidora, aseguraba que deixara posto o freo de man
Susto o que levaron en Sarria pola presenza dun coche circulando sen condutor. O vehículo estaba estacionado nunha rúa con forte pendente e, aínda que segundo a condutora e varias testemuñas tiña posto o freo de man, escorregou varios metros ata espetarse contra unhas escaleiras. Polo menos non quedou ninguén ferido.
O suceso tivo lugar na tarde do martes nunha rúa con forte pendente no centro de Sarria.
Un vehículo que estaba estacionado comezou a escorregar costa abaixo sen condutor no seu interior.
"Fixo moito ruído"; "A condutora foi por aí arriba a repartir algo e cando regresou xa viu a desfeita. Eu e un amigo que estabamos aquí xa vimos vir o coche de fronte, pero pensamos que traía alguén dentro", contan veciños que estaban alí nese momento.
A condutora do vehículo, unha repartidora, aseguraba que deixara posto o freo de man e así o corroboraron varias testemuñas.
"Deixouno prendido pero co freo de man, porque dixo que era o seu último paquete para repartir, pero o coche púxose a andar. Esas cousas pasan".
"Nós tocamos o freo de man e efectivamente traíao posto".
No descontrolado percorrido levou por diante un farol que, aínda así, non conseguiu frear completamente o coche.
Finalmente foi caer sobre unhas escaleiras.
A pesar de ser unha zona moi transitada afortunadamente ninguén quedou ferido.
"Pasa moita xente e tamén moito peregrino porque isto está na zona vella", contan.
Pero ao final só un susto e algúns danos materiais.