Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro feridos graves tras un atropelo nunha verbena en Vilanova de Arousa

Catro feridos graves tras un atropelo nunha verbena en Vilanova de Arousa

Entre os feridos graves hai un menor de idade que sufriu unha hemorraxia abdominal

Foron atendidas 11 persoas, mentres que outras 7 acudiron pola súa conta a centros sanitarios

A condutora, de 82 anos, que deu negativo nas probas de alcol e drogas, ía compañada polo seu home Falconetti, histórico líder do narcotráfico

G24.gal 08/05/2023 00:14 Última actualización 08/05/2023 14:29

Pasaba das once das noite e a orquestra París de Noia estaba en plena actuación das festas patronais de San Miguel de Deiro, pero os festexos remataron abruptamente. 

Un coche pequeno irrompía contra unha das carpas do campo, avanzando entre quince e vinte metros e atropelando as persoas alí congregadas. Unha esquina da estrutura e parte da cantina derrubáronse e caeron enriba da xente. Os servizos de emerxencia atenderon once feridos, catro en estado grave. 

Testemuñas do accidente revelaron que o ocupante do vehículo sinistrado é un vello coñecido da comarca de Arousa. O histórico narcotraficante vilagarciano Luis Falcón, coñecido como Falconetti. Ao parecer, era a súa muller quen estaba ao volante do vehículo, modelo semiautomático, e foi ao comezar a manobrar supostamente cando perdeu o control do coche. 

En poucos minutos, o campo da festa encheuse con distintos equipos de emerxencias que acudiron atender as múltiples vítimas e trasladalas a centros sanitarios. Tamén os bombeiros de Ribadumia para asegurar a estrutura danada polo accidente. 

O alcalde, Gonzalo Durán, contáballe na mañá deste luns á Radio Galega que a condutora perdeu o control por causas que se descoñecen. A Garda Civil de Tráfico recadou na zona declaracións sobre o sucedido.

A muller, Digna Díaz Oubiña de 82 anos, que conducía deu negativo nas probas de alcol e drogas. O Instituto Armado fíxose cargo da investigación do suceso e investiga á condutora polos supostos delitos de lesións por imprudencia e danos. 

O presidente da Xunta referiuse o luns pola mañá ao accidente, dicindo que "haberá ocasión de explicar as causas, pero todo parece indicar que se debeu a unha distración da persoa que ía conducindo e que puido confundir a marcha atrás coa primeira".

Último parte médico dos feridos

Segundo informaron fontes de Vicepresidencia, na mañá deste luns 13 persoas xa recibiran o alta, e outras cinco permanecen ingresadas, entre elas un menor en estado grave no Clínico de Santiago.

Hai ademais outra persoa en estado grave no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, outro ferido grave no hospital do Salnés, e dúas persoas máis, unha delas grave, no hospital Montecelo. 

Na mañá deste luns o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra informou de que catro feridos xa foron dados de alta, un home 36 anos e tres mulleres de 15, 42 e 43 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade