Un coche, afectado no cuarto incendio nun mes dos colectores da avenida das Caldas, en Ourense
Desta vez as lapas non chegaron nin aos negocios nin ás vivendas, pero os veciños piden maior presenza policial
Por cuarta vez, os veciños das Caldas contemplan con asombro as consecuencias do último incendio dos seus colectores.
"A primeira vez dixemos: a ver, un sábado pola noite a esas horas, foi casualidade. Pero xa tres días seguidos e agora... pasou o Entroido e dixemos: isto xa está esquecido. Pero non... outra vez máis".
Si, outra vez máis, a cuarta no último mes. No mesmo lugar e á mesma hora, arredor das cinco e media da mañá.
"Polas mañás sempre che chegan os whatsapps, as fotos de xente que madruga un pouquiño máis e xa te levantas coa noticia".
Desta vez as lapas non chegaron nin aos negocios nin ás vivendas, pero ademais dos colectores volve haber outro coche afectado. Ninguén entende o que está a pasar, así que a medida que avanzan os días vanse sucedendo as hipóteses.
"Hai quen di que pode ser algún veciño ao que lle molestan os colectores, hai quen di que é xente que vén de festa... non sabes realmente. Agora quen se atreve a deixar o coche aí aparcado!".
Veciños e comerciantes coidan que sería necesario incrementar aínda máis a vixilancia na zona.
"Xa levabamos tres días e esta é a cuarta. Isto é un auténtico escándalo, unha vergonza, eu non sei aquí que terán que facer as autoridades para poder buscar a esa persoa e montarlle unha garda, que sería o normal".
"Non creo que molestase poñer unha cámara ou o que fose, porque xa é moi repetitivo, non é un caso illado dunha vez".
"A policía aquí vén case todos os días, temos á súa disposición imaxes das cámaras, pero ata agora non sabemos moito".
A policía investiga os feitos dende hai semanas e seguen distintas pistas coas que confían atopar os culpables canto antes.