Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un Camiño sen móbil nin redes sociais

Un Camiño sen móbil nin redes sociais

É un programa de psicólogos e educadores de Alacant que tratan mocidade con adicións comportamentais

Pasarán unha semana coñecéndose, alleos ao que pasa no mundo virtual

G24.gal 28/03/2026 20:59 Última actualización 29/03/2026 09:39

Unha semana sen móbil facendo o Camiño de Santiago. Ese é o plan de oito rapazas e rapaces de Alacant que durante estes días aprenden a relacionarse sen tecnoloxía. Recoñecen a adición que teñen ás redes sociais, o illamento social que lles provocan e a necesidade que senten de volver ter amizades coas que compartir experiencias reais.

Nesta viaxe non hai "selfies", non se fan vídeos para TikTok, non se soben "stories", nin se cambia o estado. Por non haber non hai nin hora. Estes mozos camiñan cun grupo de psicólogos e educadores que tratan as adicións comportamentais e valoran o dano que lles están facendo as redes sociais. 

"Xa non é tanto o uso do móbil, que tamén teñen un uso elevado, é o feito de que están illados socialmente. Porque ao final o móbil provoca illamento, é un paradoxo pero é así. Teñen mil amigos virtuais pero non teñen dous amigos cos que tomar un refresco", explica Gonzalo Soria, un dos psicólogos que os acompaña

O móbil quedou en Alacant e con el a ansiedade por quedar sen batería, sen datos ou sen ver o que está pasando. Os mozos deste proxecto contan a súa experiencia.

"Diríache que o uso case oito horas ao día porque hoxe en día as redes sociais inflúen moito. Se ti quedas cos amigos falan de temas que, se ti non tes redes, non entenderías"

"Eu úsoo unhas seis horas, unha xornada de colexio enteira. Estaba un pouco atado de ver o que dicían nas redes"

"Eu uso o móbil unhas 12 horas ao día, e encántanme as redes"

"Esquecemos o que é aburrirnos e temos mil estímulos ao día nas redes"

"Nas redes sociais, hai estándares estéticos que son irreais, que non existen, pero ti compáraste e é horrible e sénteste fatal"

Comezaron este sábado o Camiño e xa falan mirándose aos ollos. O único reto viral é a etapa a completar cada día e reter na memoria todos eses momentos que non levarán gravados en ningún dispositivo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade