Un bar de Vigo propón mocear con mensaxes en pousavasos
Os primeiros mércores de cada mes celebran o chamado Mércores de Pinchos
Nestes tempos de redes sociais e pouco contacto físico, para algúns resulta complicado relacionarse e coñecer xente.
En Vigo iso ten fácil solución grazas á iniciativa dun bar ao que xa lle chaman o Tinder do Casco Vello.
A pandemia trouxo novos usos e costumes, mesmo no xeito de mocear. En plenas restricións, cando non se podía ir aos bares e as relacións se limitaban ás redes socias e videoconferencias, dúas clientas asiduas dun bar de Vigo argallaron un xeito curioso para coñecer xente.
É unha evolución das vellas películas en que alguén lle daba unha nota ao camareiro para contactar con outra persoa.
Neste bar, os primeiros mércores de cada mes, os clientes que queiran coñecer alguén reciben coa súa consumición un pousavasos que os identifica como solteiros.
Se lles interesa alguén, a camareira fará de celestina levándolle a mensaxe. O demais é cousa deles.