Traspaso de poderes no Paradiso
A emblemática chocolatería de Santiago reabre en xuño coa mesma esencia do vello café
De neno, Agustín quería ser cura ou taberneiro, e agora de xubilado fai bromas desde o balcón do 29 da Rúa do Vilar, cos clientes de toda a vida, para anunciarlles que hai remuda no bar Paradiso. Despois de toda unha vida de dedicación a un dos locais máis emblemáticos de Santiago, o propietario leva catro meses recollendo e espantando os turistas que cada cinco minutos intentan en van tomar un chocolate nun local pechado. Por pouco tempo, porque Eduardo está case listo para tomar a remuda.
"É unha responsabilidade porque Agustín fíxoo moi ben e nós temos que facelo igual de ben, polo menos. Agustín axúdanos en todo. Vai conmigo a mercar pintura, axúdame cos mandados...", dixo Eduardo Molina, que alugou o local e vai rexentar o Bar Paradiso a partir de xuño.
É un 'bar patrimonio', decorado por Ventura Cores, fundado en 1976 por un emigrante retornado de Cuba, e que está a piques de deixarlle o temón a un migrante cubano con antepasados galegos.