Un axente de viaxes coruñés faise viral con vídeos cargados de humor
Carlos Lavilla leva décadas no negocio pero en apenas catro meses disparou o seu volume de traballo
Os seus vídeos cheos de retranca déronlle moita visibilidade nas redes
Durante 10 anos, o perfil en redes desta axencia de viaxes coruñesa era como as demais: fotos espectaculares de lugares que paga a pena visitar e textos curtos con recomendacións concretas: "Non perdas isto", "Esta tenda é estupenda", "Aquí vas comer moi ben". Pero algo cambiou o pasado 13 xullo. Ese día, Carlos Lavilla decidiu subir un vídeo en que enumeraba os cinco pratos da cociña internacional que non lles recomendaba probar aos seus clientes.
"Eu non o vía moi claro, e menos saíndo eu nos vídeos", comenta. "Pero un día estaba falando un pouco nese ton que se ve nos vídeos, a xente empezou a rir e miña muller pediume que o repetise, que o ía gravar. E enseguida comezaron a entrar notificacións e mensaxes".
Tras moitos anos no oficio, tras as penurias pasadas na pandemia, Carlos dera cun filón. E tiña que aproveitalo. "Algúns vídeos chegaron a dous ou tres millóns de persoas", confesa sorprendido.
Nestes últimos catro meses, Carlos non dá feito. Os seus vídeos son cada vez máis virais. Pero detrás do humor e da retranca, hai tamén moito traballo.
"As axencias de viaxes debemos especializarnos", advirte. "Debemos ofrecerlle á xente algo que non atope na internet".