As drogas de deseño, moi atractivas pero máis perigosas
Emulan os efectos das drogas tradicionais pero son máis potentes, aditivas e poden provocar a morte
Son baratas de producir, distribuír e tamén á hora de comprar, con prezos dende os tres euros
Rosas, brancas ou de colorinchos; en pílulas, en po ou líquidas; apetecibles á vista, sobre todo para a xente nova.
"A xente nova é á que máis lle gusta experimentar. Moito deste consumo é dun consumo experimental, de quen quere probar cousas novas", advirte Angelines Cruz, catedrática de Toxicoloxía da USC.
"As organizacións criminais que se dedican a isto tentan darlle unha aparencia máis inxenua e máis chamativa. Véndense como que non fan dano, que non son tan aditivas. Fan verdadeiras campañas de márketing", engade José Raposo, xefe da Unidade Antidroga da Garda Civil de Lugo.
Fentanilo, spice, tutsi ou cocaína rosa. Nomes exóticos pero máis do mesmo.
"Tentan emular os efectos da cocaína. Hai outros, como os cannabinoides, que emulan os do cánabo. Hai outros que van ser os novos opioides, similares á heroína pero máis potentes, como é o fentanilo e os derivados. O risco destas substancias é que moitas veces nin saben o que están consumindo porque son laboratorios clandestinos, sen controis de calidade", sinala a profesora Cruz.
O consumo de drogas de deseño é aínda residual aquí en Galicia, onde o alcol, o haxix e a cocaína seguen liderando o mercado. Pero á hora de consumir, todo vale.
"Mesturan dende ketamina a analxésicos de uso veterinario e mesmo popper, que non deixa de ser un limpador de metais, que mesturan con alcol, por exemplo. Todo con tal de aumentar os efectos", lamenta o xefe da unidade antidroga.
Axuda o prezo. Son baratas de producir, de distribuír e tamén de comprar: máis viaxes, a máis velocidade, e por menos do que custa unha copa.
"Unha pílula, dependendo da fama que teña pode ir dende os tres euros, ou cinco, aos dez, ou quince, segundo a fama dos viaxes que provoca", explica Raposo.
Fabrícanse, sobre todo, en laboratorios de Europa central. Pero as relacións entre estas organizacións e os grupos que operan dende América do Sur é cada vez máis estreita.
"Estas mesturanzas fan que se aproveiten as canles de introdución de uns e outros para traer os fármacos dos países do Este e dende aquí o trasvase de cocaína para alá", confirma Raposo.
Confírmano os alixos, cada vez máis multicor, con coca rosa ou branca, heroína, haxix ou esas pílulas que son auténticas bombas que poden levar á morte.