Veciño de Boiro condenado a dous anos de prisión por tentativa de homicidio en 2022
O home disparoulle a outro tras unha disputa nun bar en xaneiro de 2022
As partes chegaron a un acordo para reducir a pena que pedía inicialmente a Fiscalía de 8 anos de cárcere
Os feitos xulgados ocorreron o 9 de xaneiro de 2022. O acusado e a vítima discutiron nun bar de Boiro e o culpable saíu e envioulle unha mensaxe ao irmán do afectado advertíndolle que ía matalo.
Pouco despois a vítima saíu do bar e volveron discutir. O acusado colleu unha arma de aire comprimido que fora modificada para usar perdigóns e disparoulle dúas veces nunha perna. A consecuencia das lesións, a vítima estivo ingresado 30 días e sufriu 6 intervencións cirúrxicas.
Os feitos foron cualificados pola fiscalía como un delito de homicidio en grao de tentativa, polo que pedía unha pena de 8 anos de prisión, unha orde de afastamento de 50 metros, prohibición de comunicarse coa vítima durante 10 anos e o pagamento dunha indemnización de 25.000 euros. As partes negociaron un acordo de conformidade que rebaixa a condena e suspende a execución da entrada en prisión.
Diego Reboredo, o avogado da defensa indica que chegaron finalmente a un acordo, no que "o abono total de 35 mil euros e a rebaixa da pena de prisión de 8 anos pasa a ser de dous anos de cadea; e como non ten antecedentes penais, a audiencia, a sección sexta de Santiago acordou a suspensión por un prazo de tres anos sempre que pague a indemnización, non cometa outro delito e cumpra a orde de afastamento"
Para esta redución da pena aplicáronse as atenuantes de confesión, reparación do dano causado ao ter pagado xa 20 dos 35.000 euros da indemnización fixada e que o acusado actuou baixo os efectos das drogas.
Así, tamén deberá cumprir coa orde de afastamento de 100 metros da vítima e coa imposibilidade de comunicarse con el durante 7 anos.