Ábalos nega que ordenase contratar a empresa de Aldama durante a pandemia
O exministro defende a decisión de comprar 13 millóns de máscaras e asegura que a súa "obsesión" era conseguir material
Ábalos nega que interviñese para que contratasen a Jessica Rodríguez e Claudia Montes e cre que Aldama coaccionou unha das súas exparellas para que testifique na súa contra
Bolaños demanda a Aldama por vulnerar o seu dereito á honra ao dicir que o intentou subornar
O exministro de Transportes José Luis Ábalos rexeitou no Tribunal Supremo que dese orde de contratar a compra de máscaras á empresa Soluciones de Gestión, vinculada ao empresario acusado Víctor de Aldama. Ao mesmo tempo, afirmou que a decisión de comprar 13 millóns de unidades foi súa, ante a necesidade de xerar "unha reserva estratéxica" de material sanitario.
"Eu sempre dixen que as máscaras había que traelas canto antes, que puxesen todos os medios para iso", manifestou na súa declaración este luns como principal acusado no xuízo por presuntas irregularidades na compra de material sanitario.
Ábalos dixo que deu a "orde política" de conseguir 13 millóns de máscaras, pero correspondía a Portos do Estado e Adif levalo a cabo, xa que "estaban en plenitude da súa competencia e da súa responsabilidade" como "órgano de contratación".
"Teñen que contratar como eles crean conveniente. Eu non contratei xamais, non formei parte de ningún órgano de contratación", afirma. Sobre que desde Portos e Adif escollesen Soluciones de Gestión, o exministro asegurou que se "non lles gustaba" esa oferta, "podían coller outra; o problema é que as outras podían merecerlles bastante menos confianza", dixo.
O exministro negou que conversase con Aldama, o terceiro acusado, antes das adxudicacións a Soluciones de Gestión, aínda que recoñeceu que é "probable" que soubese que buscaban material. "Pero nese momento un interprétao case como unha axuda, naquel momento necesitabamos de todo o mundo", precisou.
Subliñou Ábalos que a súa "obsesión" era ter "equipos de protección xa", á vez que sinalou que "a preselección se podía facer perfectamente e é legal, xa que a lexislación permitía iso".
"Vinculos singulares con Koldo"
O exministro de Transportes José Luis Ábalos admitiu este luns que estableceu "vínculos singulares" co seu exasesor ministerial Koldo García e asegurou que coñecer o empresario, presunto conseguidor e terceiro acusado, Víctor de Aldama, non lle supón "nada que celebrar".
Na súa declaración no Tribunal Supremo en que compareceu como acusado, Ábalos explicou que nomeou a Koldo asesor en Transportes "en agradecemento" á súa "entrega e lealdade" como condutor e asistente privado e de seguridade seu durante meses a partir de ser nomeado secretario de Organización do PSOE.
"En todo este tempo, na medida que ía participando da miña intimidade e a miña vida privada, xera uns vínculos singulares que mesmo con outros asesores sendo amigos meus e moi coñecidos con anterioridade ao propio Koldo, non desenvolvín na medida que non penetraban nese ámbito tan privado e tan íntimo", expresou.
A relación con Aldama
Respecto a Aldama, o exministro dixo non lembrar a data exacta en que o coñeceu, aínda que cre que foi "no último trimestre de 2018, posiblemente arredor de setembro ou outubro".
"Sei que foi unha presentación como moi apresurada por parte de Koldo e foi, eu lembro, que estaba subindo ao coche", precisou, despois de manifestar: "Permítame a ironía, nada que celebrar".
As contratacións de Jessica Rodríguez e Claudia Montes
O exministro de Transportes José Luis Ábalos explicou no Supremo que coñeceu a súa exparella Jessica Rodríguez a través do empresario, Víctor de Aldama.
Foi nun piso de Atocha vinculado a un socio do comisionista nunha cea en que estaban o exministro, o empresario, o exasesor ministerial Koldo García, Jessica e unha amiga dela.
Tanto Aldama como Jessica negárono, motivo polo cal Ábalos considera que houbo coaccións: "Ela non di iso se non a coaccionaron", conclúe.
Despois da ruptura, que cualificou como "moi brusca", Ábalos sinalou que non volveron falar. O exministro lamentou que a relación "non podía perdurar porque foi extramarital" e enfrontábanse ao "risco dun escándalo público", á vez que criticou que a súa intimidade estea tan exposta. Por todo isto, conclúe: "Son carne de meme".
Ábalos negou que interviñese dalgunha forma para que Ineco, Tragsatec ou LogiRail -filial de Renfe- contratasen a Jessica Rodríguez e Claudia Montes e subliñou que nunca soubo que Rodríguez non ía a traballar.
En relación a Claudia Montes, que traballou en LogiRail, o exministro asegurou que nunca tivo "ningunha relación" con ela, a pesar de que a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil a situou na súa contorna privada.
Segundo explicou, Montes contactouno a través de Instagram e trasladoulle que estaba nunha situación económica complicada, pero non lle pediu traballo. Incidiu en que non ordenou xamais que a contratasen en ningún sitio e que só coincidiu con ela en dúas ocasións, unha delas entrando nun acto político, Desde entón, afirma, non a volveu ver na vida.
Cando o fiscal Alejandro Luzón lle preguntou pola mensaxe que lle enviou a Koldo García en que dicía: "Á de Xixón non a poden contratar en Renfe, Adif ou algunhas das súas subcontratas?", á que García respondeu con: "Arránxoo", Ábalos declarou: "Eu non falei con ninguén para que a contratasen".
Ábalos enfróntase a unha petición de 24 anos de cárcere por presuntos amaños nos contratos de máscaras. A Fiscalía Anticorrupción pide 19 anos para o seu exasesor e 7 para Aldama por presuntas irregularidades na compra de máscaras durante a pandemia. Pola súa banda, as acusacións populares que encabeza o PP reclaman 30 anos para o exministro e o seu exasesor, mentres que para o empresario piden a mesma pena que o fiscal.