Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un gromo de hantavirus nun cruceiro de luxo con catorce españois deixa xa tres mortos

Un gromo de hantavirus nun cruceiro de luxo con catorce españois deixa xa tres mortos

Podería facer escala nas Canarias para realizar novas probas médicas

"O risco para a poboación en xeral segue sendo baixo. Non hai motivo de alarma nin necesidade de impoñer restricións de viaxe", asegura a OMS

As autoridades de Caboverde prohíben o atraque do barco por precaución e para protexer a saúde pública nacional 

O Ministerio de Sanidade español xa coordina con distintos organismos como actuar no caso de que o buque faga escala en Canarias

G24.gal 04/05/2026 12:29 Última actualización 04/05/2026 12:55

Dous dos enfermos por un posible gromo de hantavirus detectado nun cruceiro que partiu de Arxentina e está fronte ás costas de Cabo Verde atópanse retidos no barco tras rexistrarse tres mortes a bordo, debido á negativa das autoridades caboverdianas a permitir o seu desembarco, informou a empresa que opera o navío.

"Durante esta viaxe, tres pasaxeiros faleceron. Ademais, un pasaxeiro atópase ingresado en coidados intensivos en Xohanesburgo (norte de Suráfrica) e dous membros da tripulación requiren atención médica urxente", informou onte á noite a empresa neerlandesa Oceanwide Expeditions.

Con todo, "as autoridades caboverdianas non autorizaron o desembarco dos pasaxeiros que requiren atención médica nin a realización de probas diagnósticas" e, despois de visitar o navío para avaliar o seu estado, "aínda non tomaron unha decisión sobre o seu traslado a un centro médico" neste pequeno país de África occidental, lamentou a compañía.

Catorce españois, entre eles trece pasaxeiros e un membro da tripulación, atópanse no barco. informou este luns a empresa operadora do cruceiro, a neerlandesa Oceanwide Expeditions.

A empresa, con sede en Países Baixos, publicou hoxe nun comunicado as 23 nacionalidades das 149 persoas a bordo do buque MV Hondius, entre as cales 88 son pasaxeiros e 61 son membros da tripulación.

Alén dos 14 españois, hai 38 persoas de nacionalidade filipina (todos eles tripulantes), 23 británicos e 17 estadounidenses, entre outros.

Oceanwide Expeditions confirmou tamén o falecemento de tres pasaxeiros: un matrimonio holandés e unha persoa de nacionalidade alemá. 

O Ministerio de Sanidade en contacto coa OMS

O Ministerio de Sanidade fixo público un comunicado na tarde deste luns no que di que está en contacto continuo coa Organización Mundial da Saúde (OMS), as autoridades do barco, as de Países Baixos (a nacionalidade do cruceiro) e Reino Unido, e explica que irá facilitando toda a información verificada da que dispoña.

De feito, o servizo de Sanidade Exterior informou de que segue a situación do cruceiro e xa coordina con distintos organismos como actuar no caso de que faga parada en Canarias para ralizar novas probas médicas.

Caboverde prohíbe o atraque para "protexer a saúde pública nacional" 

Pola súa banda, o Ministerio de Saúde caboverdiano informou nun comunicado que "tras unha avaliación técnica e epidemiolóxica, as autoridades sanitarias nacionais decidiron non autorizar a atracada do buque no Porto de Praia, en aplicación do principio de precaución e de conformidade co Regulamento Sanitario Internacional, co fin de protexer a saúde pública nacional".

"A asistencia médica necesaria proporciónaa un equipo especializado, composto por médicos especialistas, enfermeiros e técnicos de laboratorio. Así mesmo, preparáronse medidas de resposta hospitalaria para calquera necesidade de atención especializada no Hospital Dr. Agostinho Neto" en Praia, o maior de Cabo Verde, engaden as autoridades do país africano.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) confirmou este domingo nun comunicado que polo menos seis persoas víronse afectadas polo posible gromo de hantavirus -tres mortos e tres enfermos-, aínda que só nun dos casos -o paciente internado en Johannesburgo- confirmouse por laboratorio a presenza do virus.

Aínda que non foi precisado pola empresa nin pola OMS, o Departamento de Saúde de Suráfrica e fontes próximas ao caso confirmaron a medios que a primeira morte, dun home, produciuse na illa de Santa Helena (territorio británico no sur do Atlántico), onde quedou o corpo; e a segunda, da súa muller, en Xohanesburgo, desde onde a vítima -cuxo cadáver está na cidade surafricana- trataba de tomar un voo de volta aos Países Baixos.

Finalmente, a terceira morte tivo lugar no propio buque, onde permanece o corpo do falecido.

Repatriación de dous enfermos e un morto

Segundo Oceanwide Expeditions, as autoridades neerlandesas "acordaron liderar a organización conxunta da repatriación dos dous individuos con síntomas" e "o corpo do falecido tamén se incluirá na repatriación, xunto cun acompañante próximo", que non presenta síntomas.

A repatriación, con todo, depende da autorización das autoridades do país africano.

"A prioridade de Oceanwide Expeditions é garantir que os dous individuos con síntomas a bordo reciban atención médica adecuada e urxente", así como protexer "a saúde e a seguridade de todos os pasaxeiros e a tripulación" do buque, aseverou a empresa.

A OMS sinalou que se están levando a cabo investigacións epidemiolóxicas, novas análises de laboratorio e secuenciación do virus para determinar o alcance do gromo, mentres os pasaxeiros e a tripulación reciben atención médica e seguimento.

O barco chámase MV Hondius, é o primeiro buque do mundo rexistrado coa Clase Polar 6 e pode transportar a 170 pasaxeiros, alén de 57 tripulantes, trece guías e un doutor, segundo Oceanwides.

O buque turístico, utilizado para viaxes de exploración no Ártico e na Antártida, partiu o pasado 20 de marzo desde a terminal portuaria de Ushuaia, a cidade máis austral da Arxentina.

O hantavirus é unha enfermidade que adoita transmitirse por contacto con urina ou excrementos de roedores infectados, aínda que en casos pouco frecuentes pode propagarse entre persoas e derivar en enfermidades respiratorias graves. 

"O risco para a poboación en xeral segue sendo baixo. Non hai motivo de alarma nin necesidade de impoñer restricións de viaxe", asegura a OMS.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade