Un detido en Verín con 92 quilos de cocaína ocultos no seu coche
A droga estaba escondida nun habitáculo electrónico oculto, deseñado especificamente para camuflar a cocaína
A Policía Nacional detivo un home en Verín que circulaba pola A-52 con 92 quilos de cocaína ocultos no seu coche. Este operativo, coordinado polo grupo II da unidade de drogas e crime organizado (Udyco) de Pontevedra, continúa aberto e non se descartan novas detencións.
Os axentes abordaron o vehículo conducido polo detido tras descubrir que levaba unha "inxente" cantidade de cocaína, segundo informou a comisaría provincial de Pontevedra.
A droga estaba escondida nun habitáculo electrónico oculto, deseñado especificamente para camuflar a cocaína. Os algo máis de 92 quilogramos en peso bruto de cocaína ían repartidos en 75 paquetes envasados ao baleiro.
O coche foi interceptado o pasado martes e, debido ao intenso tráfico da autovía A-52 nese momento e ao perigo que conlevan este tipo de actuacións, os axentes optaron por solicitar a colaboración dunha patrulla da Garda Civil de Tráfico.
Foi esta patrulla quen lle deu o alto e o desviou na primeira saída, onde os investigadores se fixeron cargo da actuación.
O detido pasou á disposición xudicial ante o titular da praza número 1 do Tribunal de Instancia de Verín, que era o que estaba en funcións de garda.