Cae a banda responsable dunha decena de roubos en vivendas e comercios do Deza e o Val do Ulla
Catro persoas foron detidas: tres homes de 42, 31 e 26 anos veciños de Silleda e unha muller de 26 anos da Estrada
Os implicados vixiaban os lugares que querían roubar durante varios días e logo aproveitaban a ausencia dos propietarios para entrar
Os investigadores calculan que os bens roubados terían un valor superior aos 5.000 euros
A Garda Civil desartellou unha banda criminal á que vincula cunha decena de roubos en vivendas e comercios rexistrados nos últimos meses nas comarcas do Deza (Pontevedra) e Val do Ulla (A Coruña). Concretamente, actuou en lugares como Lalín, Forcarei e Vila de Cruces.
Catro persoas foron detidas, tres homes de 42, 31 e 26 anos veciños de Silleda (Pontevedra) e unha muller de 26 anos da Estrada (Pontevedra), como integrantes deste grupo.
Unha quinta persoa, un mozo de 23 anos tamén natural de Silleda, está a ser investigado pola súa relación con todo esta trama criminal.
A todos eles, a Garda Civil os investiga polo delito de pertenza a grupo criminal e por dez delitos de roubos no interior de vivendas e establecementos comerciais.
A investigación policial realizada no marco desta operación, bautizada como Loño, comezou o pasado mes de xuño cando se detectaron os primeiros roubos.
En todos eles, as autoridades constataron que se producían co mesmo modus operandi.
Os implicados vixiaban os lugares que querían roubar durante varios días e de maneira "exhaustiva", xa que controlaban os movementos, os costumes diarios, os horarios dos traballadores ou se os había sistemas de alarmas ou de videovixilancia.
Aproveitando que os propietarios se ausentaban dos seus domicilios ou cando os comercios estaban pechados ao público, entraban neles rompendo portas e xanelas.
Unha vez no interior causaban unha gran desorde, chegando a causar "danos innecesarios", segundo a Garda Civil, nas estancias ou obxectos destes lugares.
Os roubos cometíanse sempre en horario nocturno e o principal obxectivo dos ladróns era o diñeiro en metálico e xoias, aínda que adoitaban levar practicamente todo o que atopaban.
En total, os investigadores calculan que os bens roubados terían un valor superior aos 5.000 euros.
Todos os detidos quedaron en liberdade provisoria con cargos tras declarar ante a sección civil e de instrución do Tribunal de Instancia de Lalín (Pontevedra).