Investigado por explotar persoas estranxeiras en locais de hostalería de Pontevedra
O seu xefe, que conta antecedentes policiais por feitos similares, investígano por delitos de trata de seres humanos, contra os dereitos dos traballadores e ameazas
Polo menos once vítimas de explotación laboral identificou a Garda Civil traballando en diversos locais de hostalería situados nos municipios pontevedreses de Barro, Cuntis e A Estrada.
Todas elas, segundo os investigadores, eran persoas estranxeiras que se atopaban en situación de vulnerabilidade.
A seu xefe, un home de 53 anos veciño de Cuntis e con antecedentes policiais por feitos similares, investígano por un delito de trata de seres humanos, por un delito contra os dereitos dos traballadores e por delitos de ameazas, informa un comunicado.
A investigación comezou por mor da denuncia presentada por un extraballador, que informou de cal fora a súa situación laboral e de que había máis persoas sendo explotadas polo seu empregador.
Aseguraba que isto non só sucedía no mesmo local onde o era el, senón que tamén pasaba noutros establecementos da provincia.
No transcurso deste operativo, denominado operación Bugonia, levada a cabo polo equipo de Policía Xudicial da Garda Civil de Cambados, os axentes lograron corroborar a actividade ilícita do propietario destes bares.
O dono, segundo informa a propia Garda Civil, captaba as vítimas a través de páxinas web con ofertas laborais, ofrecendo contrato de traballo, un soldo acorde ao horario, aloxamento e outras facilidades para acceder ao posto.
Unha vez que se trasladaban á provincia, eran obrigadas a traballar durante todo o día e eran trasladadas de local en local para cubrir distintas quendas de traballo nos diferentes establecementos que posuía esta persoa.
Todos eles, ao finalizar a xornada laboral, regresaban ao lugar onde pernoitaban, situado na parte superior dun destes locais.
Na recta final da investigación, os investigadores realizaron de forma simultánea diversas inspeccións administrativas en todos os locais onde levaban a cabo esta práctica e identificaron a un total de once vítimas que estaban a ser explotadas.
Este operativo policial, no que colaborou persoal da inspección de traballo e da Seguridade Social, dependente do Ministerio de Traballo e Economía Social, estivo dirixido polo Tribunal de instancia e instrución de Caldas de Reis.