Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un ano da desaparición do veciño de Abadín Enrique Bolívar

Un ano da desaparición do veciño de Abadín Enrique Bolívar

A familia está convecida de que se tratou dun crime

Piden que se levante parcialmente o segredo do sumario

A Garda Civil ten abertas varias liñas de investigación pero a falta dun cadáver dificulta os avances

G24.gal 03/09/2024 14:19

365 días pasaron xa dende a desaparición en Abadín de Enrique Bolívar, de 82 anos. Nun primeiro momento os veciños e as forzas de seguridade buscárono por terra e aire nos arredores por se estaba desorientado e perdido, pero pronto o caso cambiou de rumbo.

A aparición do seu bastón roto xunto a unha estrada e a localización dun vehículo totalmente calcinado a uns 40 quilómetros de alí levantaron as sospeitas de que se trataba dun crime.

"Apareceu un coche calcinado que levantou as sospeitas da participación de terceiras persoas na desaparición que para nós é a morte clara de Enrique. Dámos por sentado que non foi unha desaparición voluntaria nin accidental, para nós está claro que a morte de Enrique está provocada por unha terceira persoa", sinala Paula Salvador, avogada.

Dende hai un ano a incerteza, a preocupación e o medo invaden os veciños da zona. Algúns marcharon do lugar e apenas o visitan xa, mentres que outros evitan saír pasear por medo a un final semellante. Lamentan a perda dun veciño que din non se metía con ninguén e tamén están convencidos de que foi un crime.

"Bastante duro, con medo e o criminal segue solto. Imos por aquí a andar e quen di que non nos van coller a nós tamén", comenta unha veciña da zona.

A Garda Civil ten abertas varias liñas de investigación pero a falta dun cadáver dificulta os avances. Un ano despois o caso permanece baixo segredo de sumario. 

"Solicitamos ao Xulgado Instrutor de Mondoñedo que se alzara parcialmente o segredo das actuacións para que nos poidan dar traslado do que se fixo ata este momento porque a familia, presentada como acusación particular, o que quere é participar na investigación e enriquecela", explica Paula Salvador, avogada da acusación particular.

A sospeita dun crime amedrenta os veciños desta zona da Terra Chá, que claman por unha resolución do caso que lles permita recuperar certa normalidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar