Un 99 % da poboación mundial respira aire contaminado
A OMS pide unha reducción urxente dos combustibles fósiles para paliar o problema
Segundo a lexislación vixente en Europa, en Galicia a calidade do aire é boa
Suspenso xeral á calidade do aire en practicamente todo o planeta. O 99 % da poboación respira contaminación, segundo os valores guía que recomenda a OMS.
"Faise sobre os criterios que recomenda a OMS. Non ten que ver cos valores do aire que temos lexislados neste momento en Europa e España. Segundo os valores lexislados, aquí en Galicia a calidade do aire é boa", matiza Mari Luz Macho Eiras, a subdirectora de Meteoroloxía e Cambio Climático da Xunta.
Segundo a lexislación vixente en Europa, os galegos respiramos aire limpo a maior parte dos días do ano. Sobre todo canto máis lonxe do tráfico vivamos.
O groso da polución que respiramos está nos combustibles fósiles, e a solución que receita a OMS coincide coa que propón a ONU contra o cambio climático: reducir as emisións hoxe, porque mañá pode ser tarde.
"O que está claro e se probou no confinamento é que a densidade de tráfico é un dos maiores problemas que ten a calidade do aire a nivel mundial", explica Mari Luz Macho.
Un problema de saúde e medio ambiente que afecta o conxunto da poboación mundial. Segundo a OMS, sete millóns de mortes se poderían evitar cada ano se a calidade do aire fose mellor.