Publicador de contidos

Publicador de contidos

As universidades da Coruña e Vigo aparcan un grao de Medicina propio ata 2029

As universidades da Coruña e Vigo aparcan un grao de Medicina propio ata 2029

Comprométense a non solicitar o grao ata 2029, pero estarán "lexitimadas" a facelo se se incumpre algunha cláusula do acordo

O acordo supoñerá a creación de dúas novas unidades docentes, co seu epicentro nos complexos hospitalarios da Coruña (CHUAC) e Vigo (Hospital Álvaro Cunqueiro), ademais da creación dunha comisión de seguimento

Reunión do Consello para a coordinación da docencia clínica en Galicia (EFE/Lavandeira jr.) Reunión do Consello para a coordinación da docencia clínica en Galicia (EFE/Lavandeira jr.)
G24.gal 20/11/2025 14:15

O Consello para a coordinación da docencia clínica en Galicia ratificou este xoves o acordo para a descentralización do grao de Medicina. Nel explicítase que tanto UDC como UVigo "manteñen as súas aspiracións" sobre a titulación: comprométense a non solicitalo ata 2029 - vixencia do acordo-, pero estarán "lexitimadas" a facelo se se incumpre algunha cláusula do convenio.

Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participaron na reunión e celebraron o consenso alcanzado ao redor dun documento "con visión de país", que "beneficia os estudantes desta titulación e que abre novas oportunidades para alcanzar altas cotas de excelencia" tanto nas tres universidades públicas como nos hospitais de Santiago, Vigo e A Coruña.

Destacan que todas as partes coincidiron na necesidade de avanzar na descentralización do grao de Medicina, o de maior número de prazas de nova admisión de Galicia, "como a mellor opción para aproveitar todas as capacidades tanto do Sistema Universitario de Galicia como do Sergas á hora de formar aos futuros médicos".

Para iso, o calendario do acordo establece a descentralización progresiva da docencia, tanto teórica como práctica, de 4º, 5º e 6º curso do grao de Medicina. Así, para cando finalice a aplicación do acordo, no curso 2028/2029, os tres últimos cursos do grao en Medicina impartiranse ao completo nas cidades de Santiago, Vigo e A Coruña.

Desta forma, ábrese a posibilidade para que calquera dos profesionais dos hospitais galegos -particularmente os que conten coa acreditación preceptiva para ocupar prazas de profesorado universitario-, poida acceder a prazas vinculadas das universidades galegas e así contribuír decisivamente á formación dos profesionais de Medicina.

Tras a súa ratificación este xoves, o documento deberá ser tramitado a nivel interno polas tres universidades para, a continuación, ser asinado. Estará vixente ata o 31 de agosto de 2029.

Entre os puntos que explicita o acordo está que tanto a UDC como a UVigo "manteñen a súa aspiración" de implantar estudos universitarios de Medicina nas súas institucións, "pero asumen este acordo como solución de compromiso".

Aínda que se comprometen así a non presentar solicitudes de implantación de novos títulos de Grao en Medicina durante a vixencia do presente acordo, o acordo inclúe unha cláusula que sinala que, en caso de incumprimento das condicións, dos prazos ou da programación da descentralización recollidas, tanto a UDC como a UVigo están "lexitimadas" a continuar o procedemento de implantación do título.

Así mesmo, indícase que se durante a vixencia do acordo, a Consellería de Educación e Universidades emite informe favorable de solicitudes de implantación do grao de Medicina presentadas por outras entidades, comunicarase tal circunstancia ás universidades asinantes e abrirase un prazo extraordinario de dous meses para que a UDC e a UVigo poidan presentar a súa propia documentación co fin de autorizar o envío a verificación das súas solicitudes.

Isto confirma o comentado polo reitor da UDC, Ricardo Cao, este luns tras a reunión do grupo de traballo creado para a descentralización, cando sinalaba que a petición feita desde esta institución para a implantación de Medicina "non era incompatible" co acordo nin co feito de "colaborar na descentralización da docencia".

Así, confirmaba que a UDC aprazaría a proposta de ter a súa propia titulación, pero que seguiría traballando nela "internamente", e que podería poñerse novamente encima da mesa en caso de darse certas condicións ou situacións.

Por outra banda, tal e como xa se avanzou, o acordo supoñerá a creación de dúas novas unidades docentes, co seu epicentro nos complexos hospitalarios da Coruña (CHUAC) e Vigo (Hospital Álvaro Cunqueiro), e a redistribución de alumnos levará 100 estudantes ao complexo herculino, outros 100 ao vigués e os 200 restantes estarán en Santiago.

Establécese tamén a creación dunha comisión de seguimento, que será a encargada de traballar no desenvolvemento e implantación do acordo nos próximos cursos.

Entre outros labores, a comisión deberá preparar a docencia e planificación das necesidades de profesorado (hai unha estimación de 40 prazas adicionais entre as dúas unidades docentes novas), así como os criterios de repartición dos estudantes, e espérase que xa avanzase algo de aquí ao próximo 21 de xaneiro.

Ao final de cada cuadrimestre de cada curso académico convocarase unha sesión de seguimento para valorar o grao de satisfacción das partes asinantes. Unha vez finalizada a descentralización, celebrarase unha sesión para valorar os resultados deste acordo e propoñer, de ser o caso, accións futuras.

Ademais, a Xunta de Galicia achegará os custos da descentralización por encima do plan de financiamento actual, "facendo as correspondentes achegas ás universidades asinantes do acordo", en función da súa participación e con antelación ao comezo de cada curso académico.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade