Triunfo cómodo do Deportivo, que afianza a segunda posición
Non precisou nin moito menos a mellor presenza de afeccionados o Deportivo para vivir un dos días máis plácidos no que vai de temporada. Diante do Dux Internacional protagonizou unha brillante toma de contacto que lle valeu para deixar o partido decidido.
En 11 minutos, dous goles. O primeiro levou a sinatura de Quiles, que aproveitou unha boa acción de Aguirre. Foi o décimo quinto tanto no campionato do deportivista.
Nin tempo tivo para dixerir o revés o equipo de Alfredo Santaelena. Pouco despois, Juergen atopou a Soriano, que non errou diante do desesperado gardameta Badashile. Precisamente el foi o que evitou males maiores para o seu equipo.
Vexan a súa óptima intervención diante de William de Camargo para evitar o terceiro. Todo isto no primeiro cuarto de hora. A partir de aí, o nivel baixou un chanzo, pero o Deportivo mantivo unha activa presión coa que albiscou con certo perigo a meta contraria.
E o que é máis importante, que nesta ocasión non lle deu ao rival a mínima opción de meterse no partido. Todo o contrario, buscou con insistencia o terceiro. Buscouno Quiles pero atopouno Jaime ao recoller un rexeitamento nunha acción a balón parado. Era o minuto 78 de partido.
O último esforzo dun partido reparador, comezando polo punto de vista anímico. O Deportivo fai cada vez máis súa a segunda posición.