Tres turistas foron rescatados do mar en Tenerife malia os avisos vermellos por fortes ondas
Galicia, con 15 falecidos no que vai de 2026, é a comunidade que rexistra máis afogamentos, a metade ocorridos en zonas de costa
Tres persoas tiveron que ser rescatadas, unha delas con risco de afogamento, nunha praia de Tenerife cando había aviso vermello por fortes ondas.
A bandeira vermella era ben visible no areal de Puerto de la Cruz (Tenerife), alertando do risco por forte ondaxe. Aínda así houbo quen quixo bañarse sen pensar nas consecuencias. Unha parella de 21 e 20 anos tivo que ser sacada da auga coa axuda dun aro salvavidas. Noutro caso o rescate foi máis complexo, porque o bañista presentaba xa síntomas de afogamento. Finalmente os tres puideron saír con vida.
Non atender os avisos trae perigo. Sábeno os que ben coñecen o mar. "Sempre tratamos de falar coa xente que ten experiencia en cada praia e cada rompente, para ter información de como acceder, de como entrarlle a cada onda, como entrar no mar, como saír do mar, porque cada lugar é completamente distinto", asegura José Diéguez responsable do Prado Surf Club, ubicado na praia de Patos, en Nigrán.
Descoñecemento e imprudencia que provocou a morte dunha turista alemá foi arrastrada por unha onda no paseo de Baiona o pasado mes de decembro. Achegarse á costa en situacións adversas pode ser letal.
"Encontrámonos ás veces situacións en que, por descoñecemento de correntes a xente aventúrase, porque lles parece unha zona tranquila, e a propia corrente lles pode levar nun minuto mar adentro, e póñennos a nós nunha situación de compromiso, porque debemos ser os primeiros en socorrelos", di o monitor de surfistas.
54 persoas morreron en Galicia o ano pasado por afogamento, a metade delas no mar. Xa van 15 afogados no que levamos de 2026. E aínda non comezou a tempada de praias.