Bombeiros de Lugo realizan no Miño un exercicio de rescate dun home arrastrado pola corrente
É un dos adestramentos habituais que realizan os bombeiros de Lugo e que tamén serviu de práctica para os alumnos do único ciclo de Emerxencias que se imparte en Galicia
Un bombeiro dá as primeiras instrución do rescate. Cando unha persoa é arrastrada pola corrente, non hai minutos que perder.
"Un piragüista que está adestrándose e cae da piragua, un nadador que está canso", explica o sarxento en funcións do parque de bombeiros de Lugo, Juan González.
Hoxe era un exercicio práctico, pero este tipo de situacións son máis frecuentes do que se poida pensar.
"O importante é coñecer ben o medio e os materiais, con iso o que fai é que melloremos nos tempos de resposta", engade o sarxento dos bombeiros.
Os que hoxe tiran da corda son os estudantes do único ciclo de Emerxencias que se imparte en Galicia.
"A formación abrangue rescate acuático, en accidentes de tráfico, en espazos pechados, en caso de incendios tocamos todo o que ten que ver con incendios en interior con sustancias perigosas e industriais", explica a profesora do ciclo de Emerxencias, Mar Domínguez.
Son os futuros bombeiros urbanos e forestais, e aprenden dos que xa están en activo. Nunha cidade coma Lugo, saber desenvolverse no río é fundamental, por iso todos os bombeiros do parque municipal teñen formación en rescate acuático.