Lea en Ares por unhas árbores centenarias que o Concello pide cortar
Os responsables municipais conminan os propietarios a cortalas por "cuestións de seguridade"
A asociación Apatrigal pide que se cataloguen como formación de árbores senlleiras de Galicia
Son oito árbores de gran porte, calculan que superan os 30 metros de altura e os 200 anos de idade. Forman parte dun xardín do século XIX, no antigo camiño que comunicaba a vila coa zona agraria de Ares. Os propietarios adquiriron a parcela en 1872, e eses chopos e plátanos xa constaban naquela escritura.
"Cando o meu tataravó comprou o predio en 1872 aparecían na escritura como linde, así que tiñan que ter un bo porte -explica Fernando García- e logo un especialista que os mirou, díxonos que terían sobre 200 anos".
O caso é que dende hai anos son motivo dunha tirapuxa entre os propietarios e o concello de Ares. Requírenos para que fagan un mantemento das árbores, para garantir a seguridade na zona.
"Cando o concello dixo que había perigo, o primeiro que fixemos foi chamar un técnico, e dixo que as árbores estaban en perfecto estado de saúde", explica Carlos.
Asegura que van facendo as podas de mantemento que requiren, pero di que, nun paso máis alá, o concello conminounos a facer unha corta completa destes exemplares.
"Piden que os cortemos e arrinquemos os tocóns e as raíces", di Carlos.
Explica que o concello entende que as árbores invaden a vía pública, e eles defenden que estes exemplares xa estaban no lugar cando só había un camiño de carros.
"Agora vense no bordo da vía, pero non estaban tanto, foron coméndonos o espazo", explica Carlos.
Cre que o interese "non é que as árbores estean ben cortadas" senón que buscan "ampliar a vía".
Di que decidiron facer público o caso para tentar defender este patrimonio. E están dando a batalla tamén no xulgado. Ao estar o expediente aberto e xudicializado dende o Concello declinaron facer declaracións. Explican que en todo caso non se trata de exemplares protexidos, e o que se demanda é un mantemento que garanta a seguridade.
A Asociación pola Defensa do Patrimonio -Apatrigal- entende que este conxunto debera catalogarse como "formación de árbores senlleiras de Galicia", para protexela e recoñecer o seu valor histórico e cultural asociado á vila de Ares.