Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Policía Xudicial cualifica o parricidio de Muros como "brutal"

A Policía Xudicial cualifica o parricidio de Muros como "brutal"

"Non atopamos un escenario tan bestial nos trinta e catro anos que levamos de servizo", asegurou un axente

Os investigadores describiron o acusado como unha persoa "moi fría"

G24.gal 13/05/2026 14:29

"Tiña o cranio completamente esnaquizado. Non se pode describir doutro xeito. Apreciábanse no cranio marcas lineais da arma utilizada nese golpeo". "Creo que non atopamos un escenario tan bestial nos trinta e catro anos que levamos de servizo. Brutal, a palabra é brutal". "Había tanta cantidade de sangue que era complicado buscar un oco para non desprazar calquera tipo de sangue". 

Así describiron os axentes da Policía Xudicial da Garda Civil o que atoparon no domicilio cando se dispuñan a reconstruír os feitos. Atoparon o cadáver do falecido na cociña da vivenda onde convivía a vítima co seu fillo, acusado de matalo a machadazos.

"José seguramente viu vir o primeiro golpe. Ese é un golpe de protección, pola posición que ten o cadáver". "Estamos convencidos de que José estaba sentado nesa cadeira e viu vir o golpe. O golpe ten forma de s e chega ao óso".

Contaron tamén que, cando chegaron ao domicilio, o investigado explicoulles que uns sicarios entraran na casa, que mataran a seu pai e que a el lle fixeran un corte na cara.

"Cando lle fas dano a unha persoa que coñeces, despois serénaste, e non queres ver o que fixeches. E a única maneira é tapar a vítima. E así se desmontaba a película primeira de que entraran dous sicarios entraron na vivenda".

Fotografaron o acusado, e nas súas prendas atoparon salpicaduras de sangue.

"Fotografamos as súas mans cheas de sangue. A mirada era correcta. A sensación que nos daba era que era unha persoa moi fría e con total tranquilidade".

Declararon tamén, por videoconferencia, os GEAS da Garda Civil, que foron os que atoparon a bolsa na que estaba a machada no fondo do peirao de Esteiro, en Muros. Os axentes da Policía Xudicial precisaron que, para desfacerse desa bolsa, o acusado buscou unha zona onde, malia que haxa baixamar, segue habendo auga, para que, supostamente, o mar a arrastrara cara a outro lugar.

O xuízo continúa este xoves coas probas periciais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade