Publicador de contidos

Publicador de contidos

Veciños do presunto parricida de Muros din que escoitaron sete ou oito golpes moi fortes e seguidos

Veciños do presunto parricida de Muros din que escoitaron sete ou oito golpes moi fortes e seguidos

"Estaba moi coherente e sabía que o ía pasar ese día", manifestou unha curmá do falecido

O acusado enfróntase a 23 anos de cadea

G24.gal 12/05/2026 14:51

"Estaba moi coherente e sabía o que ía pasar ese día". Así de contundente describiu unha curmá do falecido o acusado. Ela e outras testemuñas que declararon nesta segunda sesión do xuízo manifestaron que aquela noite do 21 ao 22 de abril de 2023 non os escoitaran discutir, pelexar nin berrar. Só escoitaron golpes.

"Ese día non escoitei berros, só se escoitaron golpes, sete ou oito, moi fortes e moi seguidos", manifestou un curmán do falecido.

Intres despois viron unha ambulancia ás portas da casa. Foi cando souberon que o seu familiar e veciño morrera.

"Dixéronlle: -Que pasou?, que pasou? Dixo: -Eu nada. Meu pai está morto arriba e a min curádeme". "Eu díxenlle: -Antonio, que pasou? Que fixeches? Moi consciente e moi coherente dixo: -Eu non fun, foron uns sicarios. Veu a Garda Civil e xa nos levaron para arriba. Eu só pedín que non se achegase a min porque xa me ameazou cando tiña 16 anos".

"Cando estaba alí sentado, fóra, dixo: -Ben, agora sacade de aí a meu pai e limpade todo isto, porque todo isto agora é todo meu".

Estaba previsto que declarase tamén a nai do procesado.

"Vai ilustrar o xurado o historial clínico e psicolóxico que padeceu este mozo desde que naceu, o conflito familiar no que se viu mergullado", di José López Balado, o avogado da defensa.

O acusado este luns recoñeceu os feitos, malia asegurar non lembrar moito do acontecido. A acusación particular cre que as probas periciais serán determinantes para desmontar a súa versión.

"El sostén que non estaba en condicións e que non sabía o que facía. Do que se trata é de acreditar cal era o estado real desta persoa. Se sabía ou non sabía que estaba facendo e se quería facelo", manifesta Luciano Prado, avogado da acusación particular.

Enfróntase a 23 anos de cadea acusado de matar a machadazos a seu pai, na vivenda familiar de Muros, hai tres anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade