A IA será unha ferramenta de apoio nas aulas sen substituír os mestres
O próximo curso non se permitirá gravar as clases sen permiso nin difundir exames nas redes sociais
Tamén se regula o uso da intelixencia artificial e dos móbiles nas aulas
Rueda destaca que coa Lei de educación dixital, Galicia será pioneira
A intelixencia artificial será unha ferramenta de apoio nas aulas sen substituír a tarefa importante dos mestres. A Directora Xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, asegura que a Lei de educación dixital de Galicia "permite usar a IA como unha ferramenta de apoio e aí ten moito potencial: para personalizar aprendizaxe, para adaptar contidos, para elaborar materiais e para detectar dificultades no alumnado".
A norma garante o dereito á desconexión dixital, regula os exames virtuais e reserva o uso individual das pantallas para os alumnos a partir de 5 de primaria.
Carmen Liñares, directora do CEIP Agro do Muíño de Ames, considera que o texto "é moi importante para nós como profesionais do ensino contar cunha lei que nos dea soporte legal para poder avanzar cara a unha educación máis moderna".
Galicia é pioneira ao elaborar esta norma, a única de España. "Temos que anticiparnos ao que xa está aquí, adaptalo aos intereses xerais e sacarlle moitísimo proveito", di Alfonso Rueda.
A Xunta agarda que entre en vigor en xaneiro do próximo ano.