Deteñen dúas persoas por roubos nun grande operativo en Pontevedra
A operación policial levantou grande expectación: "Sacaron papeis, caixas e unha persoa detida"
Os dous arrestados quedaron en liberdade, á espera de que avance a investigación
Nada que comentar, nin polo interfono nin cando baixa á rúa. E grava o equipo da Galega que elaboraba a información. Sae do portal en que este martes se desenvolvía unha operación especial da Garda Civil moi cedo, cando a cidade aínda non espertara.
"Estaba na ventá sobre as sete ou sete e media da mañá, cando chegou un furgón da Garda Civil e xa se intuía que podía pasar algo porque viñan cos traxes antidisturbios e demais. Despois chegou outro coche camuflado da Garda Civil e de alí a un pouco, baixaron moitos axentes totalmente equipados, incluso co aparello de tirar portas", comenta un veciño.
Movemento fóra e dentro do edificio.
"Subiron ata o terceiro andar, que se notaba polas luces da policía e porque ían acendendo e aí xa se escoitaron berros, golpes e demais", engade.
Conforme pasaron as horas, e a rúa San Antoniño foi cobrando vida, a expectación aumentou.
"Sacamos o can pola mañá e estaba a Garda Civil aquí diante da árbore e estiveron un tempo longo", explica un turista que se aloxa na zona.
"Estiveron polo menos ata as oito ou nove da noite", engade o seu compañeiro.
"Están pasando cousas e entón a xente do barrio, queiras ou non, comenta", confirma unha residente.
No piso que rexistraron viven tres persoas. Dúas delas, un mozo e unha moza, esperaron na cafetería que está en fronte a que marchara a Garda Civil. O terceiro foise con eles.
"Sacaron papeis, levaban caixas e ao final saíron cun mozo detido. Non ía cuberto. Era alto e novo", engade a muller.
En total, foron dous os detidos. O segundo noutro punto da cidade. Están investigados por unha vaga de roubos en toda a provincia. Coméntase que da casa sacaron aparellos electrónicos, pero non hai datos oficiais da operación. Ambos quedaron en liberdade, á espera de que avance a investigación.