Rescatan un home que envorcou coa cadeira de rodas nunha pista forestal de Outes
Un ciclista atopouno e avisou ao 112
A pista, de difícil acceso, está a 700 metros da residencia de maiores na que vive
O home percorreu unha longa pista forestal coa súa cadeira de rodas eléctrica antes de caer. Circulou costa arriba, sorteando fochancas, rodeiras de lama e grava e acabou envorcando. A fortuna quixo que un ciclista que paseaba polo monte o vira e avisara o 112.
"Cando chegamos alí xa estaban no lugar a ambulancia do 061 e o GES de Noia. Era un home xa maior que caera por un pequeno desnivel coa cadeira de rodas. Fíxose o rescate e despois o home foi trasladado ao centro de saúde de Noia", explica Francisco Manuel Sampedro Pérez, sarxento do parque de bombeiros de Boiro.
O rescatado ten problemas de mobilidade e vive nunha residencia de maiores situada a 700 metros do lugar do accidente. Coñécese que saíu pasear pola aldea na súa cadeira e, por motivos que se descoñecen, decidiu aventurarse pola pista, onde dificilmente circula un turismo.
"Meteuse pola pista da fonte? Non o entendo, está moi mal o terreo, é perigoso para unha cadeira así", din os veciños.
Finalmente todo quedou nun gran susto. Pero puido ser unha traxedia. Por iso, os bombeiros insisten en extremar as precaucións...
"Recomendamos que a xente con problemas de mobilidade non se meta neste tipo de pistas. Neste caso o ciclista chegou cedo e avisou cando pasara pouco tempo, pero puido haber peores consecuencias", engade o bombeiro.
O ciclista localizou o home ás sete da tarde, xusto antes de que caera a noite. Toda unha fortuna tendo en conta que caeu nunha zona illada e de difícil acceso.