As vacas de Taboada recupéranse tras o seu rescate en helicóptero
Todas estaban preñadas, e a pesar de caer por un barranco, continúan preñadas
Os irmáns Santiago e Xosé Andrés Gómez Cadahía, donos do gando rescatado tras caer por un barranco en Taboada, locen con ledicia o bo estado en que se encontran as súas vacas. Ademais, unha vez revisadas polos veterinarios, constatouse que todas elas seguen preñadas.
"A verdade é que isto foi un auténtico milagre. Eu estou, por suposto, moi contento. Nunca pensei que ía ter este resultado tan bo. Onte fixéronlles unha ecografía e, polo visto, non temos ningunha perda neste momento. Algunha pequena lesión, algunha pequena inflamación dunha articulación, que é normal. Foron a PortAventura, como digo eu", sinala Santiago.
"No que concirne ao estado dos animais, nós pensabamos que ía ser moito peor. De feito fixéronselles ecografías e estamos sorprendidísimos. É como se alguén cae dun oitavo e só rompe unha perna", engade Xosé Andrés.
Atrás quedan días de angustia e de incerteza, en que os irmáns estiveron moi preocupados polo seu gando. Por fortuna, todo puido resolverse cun final feliz cando un helicóptero acudiu ao seu rescate.
"Ao primeiro, cando che dan a nova de que caeron por ese barranco, xa esperas o peor. A sorpresa foi que só houbo unha perda. Dentro do que cabe, foi moi bo resultado. E o que máis admiro é que ninguén resultou ferido, nesas condicións e cun moi difícil acceso. Saíu todo bordado", subliña Santiago.
Tocante ao custo do rescate, dende a Consellería do Medio Rural sinalan que o servizo está incluído nun convenio de colaboración co Goberno asturiano.