Reivindican a volta á la fronte aos tecidos industriais
O Paseo da La, na aldea rural de Couso Galán, demostra a versatilidade deste produto ecolóxico e sustentable
Fano mediante talleres, parladoiros, unha feira de produtos e ata unha pasarela de moda
A la, dócil e maleable, é un produto natural, ecolóxico desde a orixe, que foi indispensable noutros tempos.
"Os nosos teares, mantas, calcetíns... tecidos duros e resistentes porque é unha la rústica, pero iso non significa que non sexa boa, senón que hai que buscar as prendas específicas para que luza", explica Lola de Logaro, co-organizadora do Paseo da La.
O que pretenden no Paseo da la é darlle unha vida nova. Reivindicar a la como un produto que hai que aproveitar.
"Aínda que a carne ou o leite sexan os produtos principais en distintas razas, que a la sexa un subproduto, non un residuo", engade Lola.
Amosárono sobre a pasarela. Con modelos elaborados integramente de la ou combinada con elementos cos que dialoga, coma o aluminio ou palillos de madeira.
"Cando a modelo se voltea, séguense vendo os bolillos na parte traseira do vestido e escoitas como soan, o que te leva a hai moitos anos", detalla a deseñadora Eva Montoro.
Tamén abordaron o aspecto terapéutico da la, con propostas para tecer ferramentas sensoriais.
"Para persoas con alzheimer, demencia, nenos con autismo... Seica axudan a relaxar reducindo o estrés e a ansiedade", di Marisa Arosa, que impartiu o parladoiro de lanoterapia.
Unha ampla variedade de propostas para reivindicar a la autóctona e o seu valor na revitalización do rural.